Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

Un 31 de marzo para avanzar na visibilidade trans: CCOO chama a participar na manifestación deste domingo en Santiago

    O mundo do traballo tamén debe ser un ámbito de dignidade e de dereitos

    26/03/2026.
    CCOO estivo presente na manifestación deste domingo.

    CCOO estivo presente na manifestación deste domingo.

    O Día Internacional da Visibilidade Trans, que se celebra cada 31 de marzo, non é unha data simbólica: é unha xornada de loita, de reivindicación e de compromiso político e sindical. Un día que apela directamente o mundo do traballo, as institucións públicas, as empresas e a quen defendemos os dereitos laborais e sociais.

    Por iso, desde CCOO de Galicia chamamos a participar na manifestación que este domingo, día 29, convoca Arelas con saída ás 12:00 da praza 8 de Marzo, baixo o lema «A vosa transfobia, a nosa resposta».

    A visibilidade trans é unha esixencia democrática. A igualdade real non se garante con discursos baleiros, senón con políticas públicas, estruturas laborais sólidas, prevención de riscos laborais efectiva e marcos normativos que protexan as persoas que historicamente foron vulneradas.

    Hoxe, máis ca nunca, debemos afirmar que os dereitos das persoas trans son dereitos laborais, e que a súa vulneración constitúe un risco para a saúde, a seguridade e a vida.

    Nun momento en que os dereitos do colectivo LGTBIQA+ —e especialmente os dereitos das persoas trans— están sendo cuestionados ou directamente atacados, o sindicalismo debe responder con claridade: nin un paso atrás en igualdade, dignidade e dereitos.

    Negar as persoas trans, invisibilizalas ou cuestionalas, o acoso, a burla, a discriminación, a falta de recoñecemento documental ou a exposición a ambientes hostís constitúen condutas inadecuadas, resultado de exposición a condicións psicosociais adversas.

    Por iso o protocolo de acompañamento das persoas trans, de inminente publicación e que CCOO defendeu na mesa do diálogo social, non é un simple documento técnico, senón unha ferramenta de prevención. Unha ferramenta que permitirá previr situacións de risco, establecer medidas de acompañamento, garantir a confidencialidade, asegurar a adecuación documental interna e protexer as persoas trans fronte a calquera forma de violencia ou discriminación no eido laboral.

    Este protocolo permitirá:

    · Garantir a confidencialidade nos procesos de transición.

    · Asegurar a adecuación documental interna.

    · Previr e eliminar o acoso e a discriminación.

    · Formar os cadros de persoal e os equipos directivos.

    · Establecer medidas de acompañamento e apoio.

    · Crear espazos laborais seguros, respectuosos e libres de violencia.

    A saúde laboral non fica na porta do centro de traballo. As condicións laborais impactan na vida social e privada das persoas. Cando unha persoa trans é respectada no seu ámbito laboral, o seu benestar esténdese á súa vida cotiá. Cando non o é, o dano tamén se estende.

    Por iso, o protocolo é máis que un documento: é unha ferramenta de xustiza social na que participou activamente CCOO para construír centros de traballo seguros, respectuosos e libres de discriminación. Unha ferramenta para que cada persoa trans poida vivir a súa vida profesional con seguridade, con dignidade e con pleno recoñecemento da súa identidade.

    Todas estas razóns levan a CCOO a querer que este 31 de marzo sexa un recordatorio de que a dignidade non se negocia, de que os dereitos non se aprazan e de que a diversidade nos fortalece como clase traballadora e como sociedade. Construamos un mundo do traballo onde cada persoa trans poida vivir a súa vida laboral con seguridade, con respecto e con pleno recoñecemento da súa identidade.