Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

Convenio do Metal de Pontevedra: a patronal move ficha, pero CCOO esixe un cambio real

    Valora os primeiros avances na sétima xuntanza, pero advirte que é o momento de redistribuír a riqueza e dignificar, dunha vez por todas, as condicións laborais das persoas traballadoras

    26/03/2026.
    Melloras insuficientes no convenio do metal.

    Melloras insuficientes no convenio do metal.

    O pasado 24 de marzo celebrouse a sétima xuntanza da mesa negociadora do Convenio do Metal de Pontevedra. Por primeira vez, a representación empresarial presentou unha proposta con certo alcance. Non obstante, desde CCOO seguimos constatando que a patronal non está a asumir a verdadeira importancia deste proceso negociador.

    A patronal puxo enriba da mesa dous escenarios para a duración do convenio: un de catro anos, que segundo indican lles permitiría facer unha oferta global máis ampla, e un de dous anos, pensado como transición sen cambios profundos. Pese a isto, rexeitan de maneira rotunda a nosa proposta sindical dun convenio equilibrado de tres anos.

    Canto ás propostas laborais e económicas presentadas pola patronal, destacamos os seguintes puntos:

    —Salarios: presentan dúas vías. Para un convenio para 4 anos, propoñen un incremento total do 12 % (un 3 % anual). Se o convenio for de 2 anos, a suba sería do 3 % o primeiro ano e do 2,5 % o segundo, acadando un 5,5 % total.

    — Xornada anual: mantéñense na súa negativa a reducir a xornada, aínda que deixan a porta aberta a algún avance só no caso de asinar o convenio para 4 anos.

    — Clasificación profesional e ámbito: aceptan ampliar o ámbito do convenio para incluír loxística, picking ou abastecemento de liñas, entre outras tarefas. Ademais, propoñen eliminar categorías obsoletas, diferenciar ao oficial de 1.ª do de 2.ª e crear un novo subgrupo 4C cun salario intermedio.

    — Licenzas para a conciliación: amosan disposición a crear un crédito horario (máximo 12 horas anuais) para persoal de quenda de noite. Tamén aceptan que a licenza por matrimonio se goce nos 15 días posteriores á celebración e que o día por cambio de domicilio poida utilizarse ata 15 días antes ou despois de empadroarse.

    — Contratación e subcontratación: negan a eliminación do contrato fixo-descontinuo, aínda que aceptan abrir a regulación dos preavisos e períodos de inactividade. Rexeitan calquera cambio na subcontratación, mais están dispostos a estudar a nosa proposta de subrogación para que as persoas traballadoras manteñan as condicións máis beneficiosas e dereitos adquiridos da empresa anterior.

    — Saúde laboral e condicións: consideran viable regular o estrés térmico en certas actividades e entenden o coeficiente redutor como unha medida positiva, aínda que con implantación inicial limitada. Pola contra, reiteran a súa negativa a modificar o complemento de tóxico-penoso.

    Tempo de dignificar o sector do metal

    Aínda que valoramos que a patronal presente propostas concretas, desde unha posición sindical clara e firme, reiteramos que este non pode ser un convenio de pequenas melloras. Este convenio debe supoñer un antes e un despois no sector: necesitamos un salto cualitativo e cuantitativo nas condicións laborais e salariais das persoas traballadoras.

    Se en épocas de crise se nos pediu responsabilidade e contención, agora, nun contexto de importantes beneficios empresariais, é o momento exacto de redistribuír esa riqueza. É imprescindible que os beneficios cheguen á clase traballadora; os dereitos conquistados teñen que servir para facer deste sector un ámbito laboral digno e atractivo. En definitiva, temos que dignificar o sector.

    A próxima xuntanza da mesa negociadora será o martes, 7 de abril. Desde CCOO seguiremos informando e pelexando para que a voz da afiliación e das traballadoras e traballadores sexa escoitada.