Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

O persoal do Concello do Grove mantén as súas mobilizacións en defensa dos servizos públicos

    Recoñece pasos na boa dirección co preacordo para o pagamento dos trienios, pero persisten cuestións fundamentais sen resolver, como a non cobertura das baixas ou as vacantes estruturais sen ocupar

    27/03/2026.
    Protesta ante o Concello do Grove, este venres.

    Protesta ante o Concello do Grove, este venres.

    A representación sindical dos traballadores e traballadoras do Concello do Grove comunica á cidadanía que o persoal municipal continuará co calendario de mobilizacións e concentracións todos os venres, en horario de 10:00 a 10:20 horas, en defensa dunhas condicións de traballo dignas, xustas e acordes coa responsabilidade do servizo público que se presta.

    Esta decisión adóptase desde a firmeza, pero tamén desde a responsabilidade e o compromiso coa veciñanza. O obxectivo non é outro que garantir un servizo público de calidade, sostido por condicións laborais que permitan desenvolver o traballo con estabilidade, profesionalidade e medios adecuados.

    Cómpre recoñecer que o Concello comezou a dar pasos na boa dirección. Na recente mesa xeral de negociación acadouse un preacordo para o pagamento dos trienios por antigüidade do persoal municipal, un dereito avalado por diferentes sentenzas xudiciais.

    Na actualidade existen 14 demandas presentadas en reclamación destes trienios, polo que este avance supón unha proba clara de que a negociación colectiva, cando existe vontade real, permite avanzar na conquista de dereitos e na resolución de conflitos.

    Queremos poñer en valor que, como mostra de boa fe negociadora e respecto institucional, as mobilizacións foron aprazadas durante dúas semanas para lle dar marxe ao Concello.

    Porén, máis alá deste avance, continúan existindo cuestións fundamentais pendentes de resolución que afectan directamente ao funcionamento dos servizos públicos e ás condicións laborais do persoal municipal como a falta de cobertura do persoal en situación de baixa por enfermidade, que está a provocar unha sobrecarga de traballo no resto dos equipos; ou a existencia de vacantes estruturais sen cubrir, que debilitan a prestación dos servizos municipais.

    Ademais, hai procesos selectivos sen rematar, que están a alongar de maneira inxustificada situacións de provisionalidade; e cómpre abordar dunha vez por todas a regulación e o prezo das horas extraordinarias, cuxo uso excesivo e continuado está a desvirtuar a súa natureza excepcional e a ser empregado como solución estrutural á falta de persoal.

    Entendemos que este proceso debe traducirse en feitos concretos, compromisos firmes e solucións efectivas nun prazo razoable. Por iso, retómanse as mobilizacións, combinando a firme defensa dos dereitos do persoal coa plena disposición ao diálogo e á negociación como vía principal para acadar acordos definitivos.

    Facemos tamén un chamamento á cidadanía para que comprenda e respecte estas mobilizacións, que teñen como finalidade última a mellora dos servizos públicos municipais que recibe o conxunto da veciñanza. O persoal municipal seguirá mobilizado mentres non se garantan plenamente os seus dereitos, pero farao sempre dende unha actitude construtiva, leal e aberta ao entendemento.