Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

CCOO critica que se amplíen horarios na hostalaría da Coruña, Sada e Betanzos en Semana Santa sen ter conta o persoal

    Concellos e patronal aumentan dúas horas a apertura sen ter en conta a representación do colectivo

    27/03/2026.
    Horarios hostalaría.

    Horarios hostalaría.

    CCOO de Galicia critica que os Concellos da Coruña, Sada e Betanzos autorizaran a ampliación dos horarios á hostalaría durante a Semana Santa sen ter en conta o punto de vista dos axentes sociais que representan a este colectivo. Unha decisión que chega, ademais, en plena negociación do novo convenio, coa patronal en posicións regresivas para os dereitos das persoas traballadoras.

    En principio, pode parecer unha boa idea ampliar os horarios de apertura dos establecementos de hostalaría nesta Semana Santa; a máis tempo de apertura, máis vendas e, polo tanto, máis beneficio. Acabamos de coñecer a noticia de que os Concellos de Sada, Betanzos e A Coruña autorizan os hostaleiros a aumentar en dúas horas o horario dos seus establecementos, a petición das asociacións de hostalaría.

    Resulta curioso que a moitos se lles encha a boca gabando o grande esforzo que realizan a diario as persoas traballadoras deste sector pero que, ao tomaren esta decisión, se esquezan totalmente de contar coa opinión e o punto de vista dos axentes sociais que representan a este colectivo. Semella que os nosos edís e representantes da patronal esqueceron detalles como que, se se amplían os horarios, haberá que ampliar a xornada dos traballadores e traballadoras.

    Neste contexto, desde a Federación de Servizos de CCOO lanzamos as seguintes preguntas: alguén se parou un momento a pensar como o van facer? Pensaron en que, nesta situación especial, deberían retribuílos especificamente? Lembran que as horas extraordinarias son voluntarias? Acordáronse de que a xornada diaria non pode exceder as nove horas? Respectarase o descanso de 12 horas entre xornadas?

    As traballadoras e traballadores deste sector son persoas e non máquinas que se poidan apagar e acender ao antollo do patrón.

    Contexto da negociación

    Actualmente, estamos inmersos na negociación do novo convenio de hostalaría da Coruña. Resulta, como mínimo, rechamante que os mesmos hostaleiros que agora queren tirar ao máximo da efectividade, experiencia e esforzo dos cadros de persoal sexan os que están a ofrecer recortes nos dereitos que outorga o convenio; incrementos salariais ridículos e unha paralización das negociacións debido á súa propia obstinación.

    En resumo: queren ampliar as horas de traballo ignorando totalmente as necesidades e intereses das persoas que as van realizar.