Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

CCOO logra un acordo no sector de menores con avances importantes nun ámbito moi precarizado

    Grazas a un traballo sindical serio, continuado e fundamentado, logrouse un complemento autonómico que supón un paso importante cara á equiparación de dereitos

    30/03/2026.
    Momento da reunión da mesa de negociación.

    Momento da reunión da mesa de negociación.

    CCOO Ensino acadou un acordo no sector de menores coa patronal maioritaria, GAFIX, que supón un avance relevante na mellora das condicións retributivas nun ámbito historicamente marcado pola desigualdade e a precariedade.

    Este acordo materialízase na creación dun Complemento Equiparador Autonómico Galego, destinado a aquel persoal que ata o de agora non o percibía debido á súa situación vinculada a procesos de licitación pendentes.

    O complemento comezarase a percibir dende a súa publicación no BOE. Terá vixencia ata o ano 2029, coincidindo coa finalización do actual convenio estatal. A súa contía equivale á suma dos complementos específico e de centro recollidos no V Convenio Estatal.

    Dende CCOO Ensino queremos poñer en valor o proceso de negociación desenvolvido, que foi longo, complexo e esixiu responsabilidade, rigor e constancia. Este resultado non é froito da improvisación nin de accións puntuais, senón do traballo sindical serio, continuado e fundamentado, baseado no diálogo, na presión sostida e na defensa coherente dos intereses do persoal afectado.

    Resulta cando menos chamativo que determinadas organizacións que demonizan o marco do convenio estatal, agora subscriban un acordo que precisamente é posible grazas ao recollido na Disposición transitoria segunda do V Convenio Estatal de reforma xuvenil e protección de menores, cuxo obxectivo non é outro que garantir a aplicación e cobro do negociado nos artigos 65, 66 e 75 do propio convenio. Un feito que evidencia a importancia de contar con marcos normativos sólidos e co traballo sindical responsable para facer efectivos os dereitos recoñecidos.

    Somos conscientes de que este acordo non resolve todas as demandas históricas do sector, mais representa un paso importante cara á equiparación de dereitos e a corrección de desigualdades inxustificadas que se viñan producindo.

    Cómpre tamén lembrar que os avances colectivos adoitan ser consecuencia de procesos compartidos e acumulativos. Por iso, consideramos necesario fuxir de interpretacións simplistas ou apropiacións parciais que non reflicten a realidade dun traballo negociador no que participaron distintas organizacións e no que o papel da representación sindical responsable foi determinante.

    Dende CCOO Ensino seguiremos vixiantes para garantir o cumprimento efectivo do acordo, así como comprometidas e comprometidos en continuar avanzando na mellora das condicións laborais e salariais do sector.

    Porque os dereitos conquístanse con organización, constancia e responsabilidade.