Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

CCOO denuncia a violencia e o acoso que sofren as traballadoras do fogar

    O protocolo de actuación fronte a situacións de violencia e acoso no servizo do fogar familiar é unha ferramenta imprescindible e urxe a súa aprobación

    30/03/2026.
    Día das Traballadoras do Fogar.

    Día das Traballadoras do Fogar.

    As violencias de xénero e violencias sexuais no ámbito do traballo do fogar son unha realidade que sofren as traballadoras que o desempeñan. Unha realidade que a sociedade coñece pero que oculta e silencia. E o silencio fainos cómplices.

    Desde CCOO e CCOO do Hábitat, federación que organiza as empregadas do fogar, lévase moitos anos reivindicando e loitando non só pola plena equiparación dos dereitos laborais e de seguridade social destas traballadoras co resto de traballadores e traballadoras do país, senón tamén achegando propostas para erradicar as distintas formas de violencia que padecen as ditas traballadoras.

    Por iso se apoiou —e celebrou— a decisión do Goberno de elaborar un protocolo de actuación fronte a situacións de violencia e acoso no servizo do fogar familiar. A proposta quedou recollida no RD 893/2024 de 10 de setembro, polo que se regula a protección da seguridade e a saúde para as traballadoras do fogar.

    Desde CCOO fixéronse achegas, como introducir o ciberacoso, seguindo o disposto no C190 OIT, ou concretar que non só se trata de protexer a vítima, como expón o protocolo, senón que tamén se trata de atendela e de que as medidas para deter a posible situación de violencia e acoso se manteñan mentres sexan necesarias e ata o completo restablecemento da persoa agredida. Por último, introduciuse un apartado novo referido á protección das traballadoras fronte a posibles represalias na súa contra cando estas presenten unha denuncia, testemuñen, colaboren ou participen nas investigacións que se leven a cabo.

    Non obstante, o mencionado protocolo que debeu elaborar o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) nun prazo máximo dun ano tras a publicación do dito real decreto, aínda non viu a luz, polo que reclamamos a súa inmediata publicación como ferramenta para facilitar a denuncia, a través de canles accesibles que garantan a confidencialidade e a reparación ante casos de violencias machistas sobre as traballadoras do fogar.

    Problema de lonxe

    O sistema patriarcal de dominación, exclusión e explotación das mulleres que tiraniza a relación laboral existente entre empregadores ou empregadoras e traballadoras do fogar favorece todo tipo de violencia. A isto súmanse as situacións de illamento que chegan a producirse nos domicilios particulares, así como a falta de control sobre as condicións laborais neles.

    O problema vén de lonxe, de orixe, de como se entende o traballo do fogar. Segundo datos de 2024 do Instituto Nacional de Estatística, as mulleres representan o 95,7 % do sector do emprego doméstico e o 42 % son de orixe estranxeira. A precariedade é estrutural, a interseccionalidade atravesa a existencia destas mulleres para dobregalas como traballadoras e como persoas. Non só o xénero, tamén a clase social, a etnia, a situación administrativa ou a formación e o descoñecemento dos seus dereitos pesan sobre elas como unha lousa que as lastra, xulga e subxuga para anulalas e poder cometer sobre elas todo tipo de violencias.

    Existen poucos estudos específicos, pero os que hai ofrecen resultados contundentes. Segundo unha investigación de Oxfam Intermón e a Asociación Por ti Mujer, o 49,2 % das traballadoras enquisadas que exercen o seu traballo no ámbito do traballo do fogar afirman que viviron algún tipo de violencia no traballo ao longo da súa traxectoria laboral.

    Así mesmo, a enquisa sobre acoso sexual en mulleres de orixe estranxeira traballadoras do fogar e dos coidados en Cataluña (2021, Sílvia Bofill-Poch & Norma Véliz) sinala que unha de cada tres traballadoras sufriu nalgún momento acoso sexual. Desde CCOO coñecemos esta realidade tamén desde a experiencia sindical e estamos en primeira liña con ferramentas concretas como o Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo de CCOO.

    Como dixo a feminista Benita Asas: «Que significa para nosoutras, as mulleres, o voto político integral e os demais dereitos? Significa saírmos do mundo insignificante das “cousas” para elevarnos ao mundo excelso da personalidade, da cidadanía».

    CCOO e CCOO do Hábitat reivindican que as traballadoras do fogar son indispensables para todos e todas. Son mulleres con dereitos aínda non recoñecidos e, por tanto, un colectivo oprimido con sentimento de pertenza a un grupo que debe loitar polo que lles pertence. Son cidadás. Non as tratemos como “cousas” que nos pertencen. E ante as violencias de xénero e as violencias sexuais, ofrezámoslles solucións, apoio, acompañamento, información, comprensión e desafogo.