Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

CCOO denuncia a falta de seriedade na proposta do novo plan de viabilidade no Grupo Losán

    Durante a semana pasada, a dirección reuniuse cos distintos comités e transmitiu «verbalmente» as bases do novo plan, a falta dun mes para que finalice o prazo legal

    30/03/2026.
    Manifestación do persoal do Grupo Losán en Madrid.

    Manifestación do persoal do Grupo Losán en Madrid.

    Desde CCOO do Hábitat denunciamos a falta de seriedade da dirección do Grupo Losán con todo o cadro de persoal á hora de transmitir a información sobre as negociacións cos acredores e as Administracións na elaboración do novo plan de reestruturación, que debe aprobarse antes do 29 de abril.

    Durante esta semana mantiveron reunións cos distintos comités e esbozaron as liñas nas que pretenden que se aprobe o dito plan, pero sen entregar ningún tipo de información que o soporte. Verbalmente, resumen que no plan se recolle un pequeno investimento dos socios, desinvestimentos no estranxeiro, venda de activos e/ou unidades produtivas en España, venda dunha importante porcentaxe de accións dunha sociedade, así como unha quitación importante coas entidades bancarias (que son as máximas acredoras do grupo).

    Ante esta situación, CCOO do Hábitat esiximos transparencia, documentación e participación nas negociacións que se están tendo para intentar dunha vez por todas que se consolide un verdadeiro plan de reestruturación que garanta a viabilidade empresarial e o mantemento dos cadros de persoal. Consideramos que sen este proceso de participación e escoita coas persoas traballadoras na elaboración do documento final, este non sexa realista e menos aínda que poida conseguir a confianza para a aprobación por parte dos principais acredores (entidades bancarias e Administracións estatais e autonómicas).

    Así mesmo, reclamamos o aboamento inmediato de todas as mensualidades atrasadas que se lle deben a todo o persoal, xa que os traballadores do Grupo Losan non son os responsables da situación actual da empresa, senón reféns dunha mala xestión e falta de entendemento entre todas as partes afectadas. Todas as familias afectadas merecen un respecto e necesitan que urxentemente se dea unha solución a este problema no aboamento dos salarios que xa levan soportando máis dun ano.