Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

CCOO mobilízase contra os abusos, os despedimentos e a política salarial «miserable» en Celtic Estores

    O sindicato acusa o máximo accionista, Emiliano García, de enriquecerse coa explotación das persoas traballadoras e denuncia que non aboou nin a cuarta parte dos atrasos que debía

    30/03/2026.
    A presidenta do comité, Paula Abal, diríxese aos seus compañeiros de Celtic Estores.

    A presidenta do comité, Paula Abal, diríxese aos seus compañeiros de Celtic Estores.

    As persoas traballadoras de Celtic Estores, do Grupo Bandalux, concentráronse entre as 14:00 e as 14:30 deste luns convocadas por CCOO diante da sede da empresa, en Moraña, para protestar contra unha longa serie de agresións aos dereitos do persoal que se están a dar na compañía, que ten como principal accionista a Emiliano García García.

    O último episodio foi o despedimento disciplinario do xefe de Mantemento, recoñecendo a continuación a propia empresa que o despedimento foi improcedente. Trátase dun profesional que mellorou substancialmente o sistema produtivo, pero que cometeu o erro de non mostrar submisión ante o director da fábrica, Sergio Sánchez, que actúa de brazo executor dunha política de persoal que pretende explotar o cadro de persoal con acoso, abusos e tratando de meterlles medo ás persoas traballadoras para que non reivindiquen o que lles pertence.

    Os produtos de Bandalux teñen un altos prezos no mercado, pero non son consecuencia de elevados salarios. Todo o contrario: máis do 80 % das 200 persoas do cadro de persoal teñen a categoría de operario e un soldo que supera por moi pouco o SMI. A empresa págalles como operarios cando realizan funcións de oficiais, o que supón que queda cada ano con máis de 3000 euros por cada persoa traballadora.

    Pero a política salarial miserable de Emiliano García non se detén aí. Nas nóminas do mes de marzo o persoal tiña que cobrar atrasos do convenio de varios anos —unha media por persoa de 600 euros— e só lles aboaron entre 120 e 150 euros, dependendo da antigüidade. E esa foi unha decisión meditada, xa que ante a reivindicación de CCOO de que pagasen o debido, a empresa xa anunciara que non o ía facer. O asunto, obviamente, acabará dirimíndose no Xulgado do Social de Pontevedra.

    A mobilización de hoxe é a primeira doutras que se darán porque CCOO non vai permitir que Emiliano García se siga enriquecendo coa suor e a explotación das persoas traballadoras de Celtic Estores.