Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

CCOO defende a máxima participación social nos proxectos de enerxía renovable desde as súas fases iniciais

    Armando Iglesias participou na xornada «Diálogos para unha Galicia Renovable», organizada pola Rede Española para o Desenvolvemento Sostible

    31/03/2026.
    Participantes na xornada, na Cidade da Cultura.

    Participantes na xornada, na Cidade da Cultura.

    O secretario de Acción Sindical de CCOO de Galicia, Armando Iglesias, participou o pasado xoves, 26 de marzo, na xornada «Diálogos para unha Galicia Renovable», organizada pola Rede Española para o Desenvolvemento Sostible (REDS-SDSN Spain) na Cidade da Cultura de Santiago. Nese foro, Iglesias defendeu a postura do sindicato a prol da máxima participación de todos os colectivos potencialmente afectados por un parque eólico, desde o mesmo inicio do proxecto e con total transparencia.

    O representante de Comisións Obreiras esgrimiu que, ante a mala aceptación dos parques e o conflito cidadán que xeran, é «fundamental» a participación de todas as organizacións e colectivos que, dun xeito ou outro, poidan ser afectados pola implantación dalgún parque. Asociacións de veciños, comunidades de montes, asociacións agrarias, grupos ecoloxistas, sindicatos, administracións dos distintos niveis, todos deben ter un papel no proceso.

    Esta participación, salientou Armando Iglesias, debe darse desde o principio para que, partindo dun debate transparente, se poida consensuar o deseño, a localización ou o tamaño, co obxectivo de minimizar os posibles efectos negativos. Ademais, cómpre acordar as compensacións necesarias para propietarios, concellos ou colectivos afectados.

    Por último, expuxo, CCOO aposta por unha gobernanza compartida durante todo o proceso e, incluso, posteriormente á súa implantación como garantía de mantemento das condicións acordadas.

    No evento organizado por REDS participaron unha vintena de axentes institucionais, sociais e económicos que avanzaron na elaboración dun «Manual de boas prácticas para a participación social en proxectos de enerxías renovables». O obxectivo é que sirva como instrumento con vocación práctica dirixido a empresas promotoras, Administracións públicas e reguladores, co fin de garantir que os procesos participativos constitúan un exercicio de representatividade real, non só un trámite administrativo formal.