Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Abril 2026.

CCOO salienta que o crecemento da afiliación en Galicia segue a ter un forte carácter estacional

    A calidade do emprego é peor ca no conxunto do Estado, con 10 puntos menos de contratación indefinida e maior incremento dos contratos temporais

    06/04/2026.
    Unha oficina de emprego.

    Unha oficina de emprego.

    Os datos coñecidos hoxe indican que en marzo o paro rexistrado reduciuse en Galicia en 1388 persoas, un 1,2 % (tres décimas por riba do Estado), e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 5812 afiliados e afiliadas (un 0,5 %, unha décima menos que no Estado). Se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta sobe en 7644 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 0,7 %).

    CCOO estima positivos os datos publicados, que reflicten unha baixada do número de persoas paradas e un incremento das que atopan emprego, medidas pola afiliación á Seguridade Social. Tanto a afiliación como o paro alcanzan valores destacados en Galicia. Aínda así, debemos sinalar a anomalía que supón que o paro diminúa máis en Galicia que no Estado, pero a afiliación medre en menores porcentaxes.

    No lado das sombras, salientamos que medra máis a contratación temporal que a indefinida e que o peso desta sobre o total é inferior en dez puntos ao do conxunto do Estado. E é que unha boa parte do crecemento do emprego aséntase sobre actividades estacionais e de baixo valor engadido, como reflicte a evolución sectorial da afiliación.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 48034 homes (598 menos que en febreiro) e 66636 mulleres (790 menos que o mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres malia a boa evolución do mercado laboral no último mes. Atendendo ás idades, hai 5458 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (30 menos ca en febreiro) e 109212 maiores desa idade (1358 menos).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 13 persoas desempregadas menos, na industria 75, na construción 240 e 1136 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego medra en 76 persoas.

    En marzo rexistráronse en Galicia 57 370 contratos; deles, 38 053 foron temporais e 19 317 indefinidos. O volume de contratos rexistrados en marzo foi superior nun 18,5 % aos formalizados no mes de febreiro: a contratación indefinida cae un 18,5 %, mentres que a temporal sobe un 18,6 %. De cada 100 contratos rexistrados, 34 son indefinidos, fronte a 44 no Estado (como vén acontecendo no último ano).

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 5812 persoas, ata situarse en 1 095 343 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,5 % en relación co mes anterior, porcentaxe inferior nunha décima á do Estado.

    A afiliación media mensual aumenta en 7644 persoas, co que o número de persoas traballadoras afiliadas alcanza a cifra de 1 095 875. Deste total, 874 539 corresponden ao réxime xeral, 203 879 ao de autónomos e 14 457 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,7 %, inferior en tres décimas ao que acontece no Estado.

    Os réximes xeral e agrario absorben o groso da medra da afiliación media: 6874 afiliados e afiliadas máis no último mes, dos que un 35,3 % corresponden á hostalaría (1 de cada 3), un 13,2 % a actividades profesionais científicas e técnicas, un 10,9% ás Administracións públicas, un 10 % á sanidade, un 9,1 % a actividades administrativas e un 7,2 % á educación, o que corrobora a evolución sectorial e por sexos do desemprego.

    Prestacións por desemprego

    En febreiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 66 114 persoas: 43 159 prestacións contributivas e 22 955 subsidios.

    En relación cos erte do mes de febreiro, este mecanismo daba cobertura a 298 persoas a final do mes, das cales 222 estaban en erte por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción e 76 en erte por forza maior. Do total de persoas afectadas, 184 son homes e 114 mulleres.