Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Abril 2026.

CCOO irrompe no comité da Cruz Vermella en Pontevedra e queda a un voto de acadar a maioría absoluta

    A candidatura do sindicato partía de non ter representación e tivo que superar numerosos atrancos por parte da CIG

    07/04/2026.
    Gran resultado de CCOO en Cruz Vermella.

    Gran resultado de CCOO en Cruz Vermella.

    A candidatura de CCOO de Galicia nas eleccións sindicais da Cruz Vermella na provincia de Pontevedra acadou este luns un gran resultado e quedou a un só voto da maioría absoluta, malia que partía sen representación e tivo que afrontar múltiples atrancos por parte da CIG. Comisións terá catro dos nove membros do comité.

    A situación de partida era moi complicada para CCOO: o anterior comité, de cinco membros, estaba conformado por tres persoas delegadas da CIG e dúas de UGT, que desta vez non conseguiu conformar candidatura. O traballo electoral, nunha empresa con nove centros de traballo na provincia, foi complexo para a candidatura de Comisións, que partía en clara desigualdade ao non ter representación previa. As persoas candidatas nin dispoñían de crédito horario nin de experiencia sindical previa.

    As eleccións celebráronse á volta da Semana Santa, pese a que CCOO reclamou que se adiase a votación á próxima semana, ao estaren persoas traballadoras aínda de vacacións. Porén, as mesas electorais desbotaron a proposta, seguindo o criterio da CIG —que nin se presentou á reunión para tratar o asunto.

    Por se fosen poucas as vantaxes, a CIG presentou unha reclamación á mesa electoral para que a empresa non permitise o uso do correo corporativo para enviar información e propaganda electoral. A mesa non só aceptou a proposta, senón que, excedéndose nas súas funcións, forzou a empresa para que non se puidese utilizar. Iso si, o último día de campaña o sindicato nacionalista enviou por Whatsapp o seu programa electoral á práctica totalidade do cadro de persoal.

    Pois ben, malia todos estes atrancos, a actitude antidemocrática da CIG e a submisión das mesas electorais, un só voto impediu a maioría absoluta de CCOO, que obtivo tres delegados en Técnicos e un en Especialistas (gañando a votación neste colexio). A CIG quedou con catro en Técnicos e un en Especialistas, por un só voto.