Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Maio 2026.

O persoal de Scania Ponteareas mantén o pulso co 100 % de seguimento na folga

    Convoca unha manifestación para o día 24 pola N-120 para esixir o fin dos abusos e a dimisión da xerencia

    21/04/2026.
    Persoal de Scania Ponteareas, este luns, día 20.

    Persoal de Scania Ponteareas, este luns, día 20.

    A firmeza e a dignidade do cadro de persoal de Scania Ponteareas son inquebrantables. O pasado venres 17 e este luns 20 de abril, todo o taller volveu secundar de forma unánime as xornadas de folga convocadas. Tras tres días de paros (13, 17 e 20 de abril), a mensaxe das traballadoras e traballadores é clara: están dispostos a levar este conflito ata as últimas consecuencias ante unha situación que se volveu completamente insostible.

    A pasada semana, o comité de folga mantivo unha reunión coa dirección da compañía para tentar buscar unha saída dialogada ao conflito. Porén, a multinacional non amosou vontade real de achegar solucións nin se lograron avances significativos. A empresa segue sen asumir as súas responsabilidades ante as inxustizas que se están a cometer no centro de traballo.

    Dende CCOO Industria sinalamos directamente a dirección de Scania e esiximos que tome medidas urxentes. A situación de conflito non é froito dun día, senón a consecuencia dun ano e medio de prácticas inaceptables promovidas pola xerencia local.

    O cadro de persoal leva meses soportando condutas abusivas, que inclúen despedimentos inxustificados e sancións arbitrarias; intentos de modificación unilateral das quendas e horarios de traballo; comentarios fóra de lugar e faltas de respecto constantes.

    Scania conta en Ponteareas cun cadro de persoal dunha enorme valía, formado por profesionais que levan acreditando a súa experiencia e o seu compromiso ao longo de moitos anos. Non imos consentir que unha xerencia tóxica destrúa os seus dereitos e a súa saúde laboral.

    A mobilización escala: manifestación o venres 24

    Ante o inmobilismo da patronal, a loita obreira dá un paso máis. Na asemblea celebrada este luns, 20 de abril, o cadro de persoal acordou convocar unha manifestación para o vindeiro venres, 24 de abril.

    A mobilización arrancará ás 11:00 horas dende as portas de Scania Ponteareas, percorrerá a Nacional 120 ata o centro da localidade e regresará pola mesma vía ata o centro de traballo.

    Dende CCOO Industria Galicia facemos un chamamento a toda a afiliación, ás organizacións sociais e á veciñanza da comarca para que acompañen o persoal de Scania nesta marcha. Necesitamos visibilizar o conflito e demostrarlle á multinacional que as persoas traballadoras non están soas.

    A dirección de Scania ten que asumir responsabilidades xa e poñer fin a este despropósito.

    SCANIA EN FOLGA! STOP ABUSOS! XERENCIA DIMISIÓN!