Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 30 Abril 2026.

CCOO enche as rúas de Ourense para denunciar o acoso laboral de Xunta e patronal polas baixas médicas

    Celebrou unha asemblea, con posterior manifestación, sobre a campaña de criminalización da clase traballadora

    28/04/2026.
    Asemblea e manifestación polo 28 de abril.

    Asemblea e manifestación polo 28 de abril.

    CCOO de Galicia recorreu este martes as rúas de Ourense para protestar contra a campaña persecutoria contra a clase traballadora que están a perpetrar a Xunta de Galicia e a patronal. A manifestación, realizada tras unha asemblea sobre a cuestión, rematou ante a Confederación Empresarial de Ourense.

    Baixo o lema «Absentismo = Acoso laboral de Xunta e Patronal», centos de persoas ergueron a súa voz para dicir alto e claro que non se vai tolerar a criminalización das persoas traballadoras. A mobilización prodúcese este 28 de abril, Día Mundial da Seguridade e da Saúde no Traballo, que CCOO conmemora co lema «Traballar si, Enfermar non».

    Antes de marcha celebrouse unha ateigada asemblea de persoas delegadas para que desde os distintos sectores se explicase a situación, cunha diagnose compartida: falta de prevención, sobrecarga de traballo, mutuas que lavan as mans, colapso na sanidade pública. O acto contou coa intervención do secretario de Saúde Laboral do Sindicato Nacional, Armando Álvarez.