Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Maio 2026.

Comisións Obreiras de Galicia

Este 1º de Maio, a clase traballadora galega volveu demostrar a súa forza nas rúas

    A secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, defendeu a unidade dunha clase obreira «que non ten fronteiras»

    02/05/2026.
    A CORUÑA

    A CORUÑA

    Milleiros de persoas traballadoras saíron este venres ás rúas galegas para celebrar o Primeiro de Maio nos actos reivindicativos convocados por Comisións Obreiras. A manifestación central elebrouse na Coruña, onde a secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, lembrou: «A quen pretende que só miremos do Padornelo para dentro temos que dicirlle que o capital é global, polo tanto, a resposta non poder ser localista».

    A clase obreira, abundou, non se defende levantando muros, senón tendendo pontes. «Nós estaremos sempre nas mesas onde se decide o que nos afecta e sentaremos con quen corresponda, porque non lle debemos nada a ninguén, nin somos correa de transmisión de ningún partido político», argumentou Amelia Pérez, que o contrapuxo aos que «só quedan no discurso da identidade» e confunden a defensa de Galicia con «minifundismo e illamento».

    A secretaria xeral de CCOO de Galicia fiou o seu discurso a partir do lema deste Día da Clase Traballadora: «Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia». «Dereitos, porque a clase obreira está cansa de facer sacrificios mentres outros baten récords; e non trincheiras, porque queremos un mundo de prosperidade e paz, non de medo e guerras».

    No convulso contexto internacional de hoxe en día, Amelia Pérez criticou os novos imperialismos: «Con cada bomba que cae, morre alguén da clase obreira, e os que masacran milleiros de persoas nunca sofren as consecuencias». Por iso, esgrimiu, nesta data cómpre reivindicar o internacionalismo da clase obreira, «porque non hai xustiza social sen paz».

    Sobre cuestións sociolaborais, a líder de CCOO de Galicia retomou a esixencia de reducir a xornada laboral porque «non é un capricho, é unha cuestión de saúde pública e de xustiza social». «Queremos traballar menos para que a vida non se nos escape entre fichaxes e horas extra», salientou, a desmentiu a «cantilena» habitual dos empresarios de anunciar «as sete pragas bíblicas» cada vez que a clase obreira gaña dereitos. «O progreso de Galicia e de España non pode basearse en botarlle máis horas ao reloxo. É hora de gañar tempo para o descanso, a conciliación real e para sermos donos das nosas vidas», aseverou.

    Amelia Pérez tamén fixo referencia á inflación e ao desbocado custo da vivenda, que comen os incrementos salariais que se conseguen: «Nesta cidade, o prezo medio do alugueiro xa está por riba dos 1000 euros. É unha indecencia que moitas familias teñan que elixir entre comer ou pagar o recibo do mes». Por iso, advertiu, a vivenda non pode ser un ben de mercado «dos especuladores», senón que é un dereito humano que as Administracións teñen obriga de garantir.

    Abordou tamén os perigos que ameazan a democracia, como os ataques contra a igualdade real entre mulleres e homes. «O intento de coartar as liberdades das mulleres é tan reaccionario que xa hai algúns que falan de eliminar o dereito de voto das mulleres», alertou. E, nese mesmo senso, referiuse ao racismo e a xenofobia que practican acotío algúns partidos. «Un traballador migrante é un compañeiro de clase, de clase obreira. Por iso defendemos a regularización das persoas migrantes. A democracia ensánchase recoñecendo dereitos e sacando da economía somerxida milleiros de persoas», defendeu.

    Defensa do público

    A secretaria xeral das Comisións Obreiras alertou de que a dereita e a ultradereita, cando gobernan, fan política para «beneficiar os de sempre e recortar e roubar os de sempre» «E digo ben, roubar, porque cando se recorta en servizos públicos róubase á clase obreira». Neste aspecto, erixiu a defensa da sanidade pública na «maior loita social» que hai hoxe en Galicia e chamou a non normalizar o colapso na atención primaria ou os longos tempos de agarda para unha intervención ou unha proba.

    «É aí onde están os verdadeiros problemas dese mal chamado absentismo. Falemos de recursos sanitarios, falemos de condicións de traballo, de prevención de riscos, de desconexión dixital. Aí atoparemos os verdadeiros problemas que parecen non querer ver algúns», comentou sobre a campaña de acoso e derruba emprendida pola Xunta e a patronal a conta dun suposto exceso de incapacidades temporais.

    Amelia Pérez rematou a súa intervención cunha contundente reivindicación da conciencia de clase fronte aos interesados discursos individualistas: «Queren facernos crer que estamos sós, que non temos forza; queren que pensemos que os problemas son individuais e que, se non chegamos a fin de mes ou se non podemos ter unha vivenda, é un fracaso persoal. Pero hoxe, aquí, nas rúas da Coruña, a resposta é clara: non estamos sós».

    Nese senso, apelou ao «fío invisible da solidariedade» de clase que leva máis dun século tecendo a historia das persoas traballadoras. «Somos a rede que sostén este país, somos as mans que moven o mundo e somos o corazón que latexa por unha vida que mereza a pena ser vivida. Ser clase obreira é o maior orgullo que se pode ter», exclamou.