Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Maio 2026.

Comisións Obreiras de Galicia

O emprego medra en Galicia no mes de abril impulsado pola Semana Santa e pexado por actividades de baixo valor engadido

    CCOO esíxelle á Xunta maior compromiso coa creación de postos de traballo de calidade e avisa de que a mellora é menor aquí que no conxunto do Estado

    05/05/2026.
    Unha oficina de emprego, en Santiago // Google Maps

    Unha oficina de emprego, en Santiago // Google Maps

    Os datos coñecidos hoxe indican que, en abril, o paro rexistrado se reduciu en Galicia en 2377 persoas, un 2,59 %, e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 4183 afiliados e afiliadas (un 0,38 %). Se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta sobe en 7944 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 0,72 %). Tanto a caída do paro como o aumento da afiliación rexistran porcentaxes de variación inferiores ao conxunto do Estado.

    CCOO avalía positivamente os datos publicados que reflicten unha baixada do desemprego e un incremento da afiliación, aínda que seguen evidenciando a desigual situación das mulleres no mercado laboral galego. A evolución tanto do paro rexistrado como da afiliación responden en boa medida á contratación da campaña de Semana Santa: tomando como referencia a afiliación ao réxime xeral e autónomos, 49 de cada 100 novos empregos corresponden á hostalería e 13 a actividades profesionais e administrativas.

    No mes de abril segue a crearse emprego, aínda que con menos intensidade que no Estado a pesar de ter o mesmo marco lexislativo. A afiliación sobe e marca fitos históricos sustentada no emprego temporal e nunha elevada rotación, como reflicte o baixo número de contratos para tan importante número de persoas afiliadas á Seguridade Social.

    Desde CCOO denunciamos unha vez máis a baixa porcentaxe de emprego indefinido respecto do que pasa no resto do Estado e a obsolescencia dun modelo produtivo que segue asentándose en empregos de baixa calidade como os da hostalería. Galicia necesita industrias e servizos de alto valor engadido que xeren empregos de calidade durante todo o ano e é obriga da Xunta de Galicia mudar o modelo actual.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 46 739 homes (1295 menos que en marzo) e 65 554 mulleres (1082 menos que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, malia a boa evolución do mercado laboral no último mes.

    O desemprego cae en 528 mozos e mozas menores de 25 anos, mentres que entre as persoas maiores desa idade se reduce en 1849 desempregadas. O paro segue en mínimos históricos: 112 293 persoas desempregadas en Galicia ao finalizar o mes de abril.

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 63 persoas desempregadas menos, na industria 162, na construción 153 e 1764 nos servizos. O colectivo sen emprego anterior cae en 235 persoas.

    No mes de abril fixéronse 57 854 contratos en Galicia (un 0,84 % máis que en marzo). A contratación temporal supera a indefinida: 38 822 contratacións temporais por 19 032 indefinidas, que é o resultado dunha redución dun 1,50 % dos contratos indefinidos e dun incremento da contratación temporal dun 2,02 %.

    Un mes máis, temos que destacar o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade, pois se en Galicia 33 de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos, no Estado esta porcentaxe elévase a 43 de cada 100.

    En relación coa Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 4183 persoas e alcanza 1 099 526 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,38 % respecto do mes anterior (do 0,8 % no Estado).

    Seguridade Social

    A afiliación media mensual aumenta en 7944 persoas, o que sitúa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 103 820. Deste total, 882 068 corresponden ao réxime xeral, 204 229 ao de autónomos e 17 523 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,72 % por un 1,02 % no Estado.

    Os réximes xeral e agrario absorben o groso do incremento da afiliación media: 7816 afiliados e afiliadas máis no último mes, dos que 3834 corresponden á hostalería; 991 a actividades administrativas; 572 a actividades profesionais científicas e técnicas; 540 a construción e 470 a comercio, o que corrobora a evolución sectorial e por sexos do desemprego.

    En abril cobraron algún tipo de prestación por desemprego 63 020 persoas: 40 637 prestacións contributivas e 22 383 subsidios.

    En relación cos erte do mes de abril, hai que sinalar que este mecanismo daba cobertura a 357 persoas a final do mes, das cales 260 estaban en erte por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción e 97 en erte por forza maior.