Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Maio 2026.

Comisións Obreiras de Galicia

CCOO e UGT esixen unha atención á dependencia de calidade ao berro de «Listas de espera, vergoña social!»

    Nutrida protesta en San Caetano para clamarlle á Xunta máis inversión e que abandone a privatización

    05/05/2026.
    Protesta en San Caetano este martes.

    Protesta en San Caetano este martes.

    Centos de persoas, convocadas polas Federacións de Pensionistas de CCOO e de UGT de Galicia, concentráronse este martes ante á sede da Xunta en Santiago para reclamar o dereito a unha atención á dependencia de calidade. «Lista de espera, vergoña social» foi un dos lemas coreados, coas 77 persoas que en 2025 morreron mestres agardaban a súa prestación como pano de fondo.

    Tratouse do primeiro acto dunha campaña conxunta de ámbito estatal, pero que en Galicia ten especial relevancia, ao ser a comunidade como menor inversión por dependente de todo o Estado malia que o 26,6 % da poboación son maiores de 65 anoss. Como salientou o secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia, Ramiro Otero, a situación dos servizos é peor aquí, con datos como as 3,43 camas por cada 100 maiores de 65, cando a ratio recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) é de cinco camas. Neste senso, o seu homólogo de UGT, Valentín Tato, cifrou en 11 000 prazas de residencia o déficit que sofre a comunidade.

    Ramiro Otero incidiu no descoñecemento que parte das persoas beneficiarias teñen do sistema de atención, mentres que para moitas das que si o coñecen ou non chega ou o fai tarde, xerando unha sobrecarga das familias. Sinalou que no ano 2025 morreron 88 persoas mentres agardaban por unha prestación e que a espera media para acceder ao seu dereito foi de 324 días.

    Neste aspecto, Valentín Tato agregou que os datos melloraron nos últimos anos, pero que o investimento segue a ser moi insuficiente, con Galicia á cola do Estado, con 1317 euros por dependente fronte aos 2779 de Extremadura ou os 2835 da comunidade que máis inviste, o País Vasco. «É unha diferenza enorme», aseverou o secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT-Galicia, que incidiu en que a calidade do servizo «é mala».

    O secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia criticou o plan da Xunta para simplificar o acceso á dependencia e a discapacidade, en vigor desde o ano pasado, por ser un «modelo burocrático de mero rexistro, que incrementa as demoras» e que, ademais, non ten en conta a participación das traballadoras e traballadores sociais.

    Ramiro Otero salientou que o groso das prestacións en Galicia acaban sendo de baixa intensidade, «de baixo custo» para a Administración, como teleasistencia (46 287), axuda no fogar (22 219) ou bonos para pagar residencias privadas (8371) ou coidados familiares (36 638). Porén, as prestacións de intensidade alta, como as residencias, son as que teñen un menor número de persoas beneficiarias, 7245. Neste senso, recalcou que as persoas teñen dereito a acceder á atención que desexen, pero que iso non se cumpre pola escaseza de prazas residenciais públicas. Non é posible, reprobou, porque a Xunta non constrúe ningún centro público desde 2009. E os que lle doou Amancio Ortega, completou Valentín Tato, foron cedidos para a xestión privada, incluso a entidades sen experiencia previa.

    Os Pensionistas de CCOO e de UGT reclamaron o apoio de toda a poboación á súa xeira de protestas e resumiron as súas reivindicacións en seis puntos:

    1.- Máis financiamento do Estado e da Xunta para a atención á dependencia.

    2.- Máis persoal en todo o proceso dende a tramitación ata a atención final.

    3.- Que a atención se faga con servizos profesionais.

    4.- Que se reduza o copagamento.

    5.- Que se creen máis prazas en residencias públicas.

    6.- A reversión do plan da Xunta de Galicia para simplificar o acceso á dependencia e discapacidade.