Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Maio 2026.

Comisións Obreiras de Galicia

CCOO chama á folga en Infantil 0-3 o 7 de maio para esixir condicións dignas e unha rede pública de calidade

    Convoca unha concentración ante a Consellería de Política Social este xoves ás 11:00

    06/05/2026.
    Cartel da concentración convocada diante de Política Social.

    Cartel da concentración convocada diante de Política Social.

    Comisións Obreiras chama as persoas traballadoras do sector de Infantil 0-3 en Galicia a secundar a folga de 24 horas convocada para o vindeiro xoves 7 de maio, no marco da mobilización estatal impulsada por CCOO para reclamar solucións reais a un conflito que xa non admite máis adiamentos. A organización convoca para ese mesmo día unha concentración fronte á Consellería de Política Social (San Caetano) en Santiago de Compostela, ás 11:00 horas.

    CCOO denuncia que o primeiro ciclo de Educación Infantil continúa sendo tratado, en demasiadas ocasións, como unha etapa asistencial e non como o que é: unha etapa educativa determinante para o desenvolvemento persoal, a equidade, a inclusión e a compensación das desigualdades desde os primeiros anos de vida. Esta falta de recoñecemento tradúcese en salarios baixos, ratios excesivas, sobrecarga laboral, xornadas inasumibles, falta de tempo para a coordinación educativa e condicións moi desiguais segundo o tipo de centro ou o modelo de xestión.

    En Galicia, como no conxunto do Estado, o sector vive unha situación marcada pola coexistencia de centros privados, centros públicos de xestión indirecta ou externalizada e centros públicos. Esta fragmentación provoca que profesionais que realizan funcións equivalentes teñan condicións laborais, salariais e organizativas moi diferentes. O resultado é unha tripla desigualdade: social, educativa e laboral.

    CCOO subliña que a gratuidade para as familias non pode construírse sobre a precariedade das traballadoras. A universalización do acceso a Infantil 0-3 debe ir acompañada de financiamento suficiente, planificación pública, condicións laborais dignas e garantías de calidade educativa.

    Lembra tamén que unha escola infantil non funciona só polo esforzo das educadoras, senón polo traballo conxunto de persoal de apoio, cociña, limpeza, conserxaría, mestras e técnicas superiores en Educación Infantil. Todas estas profesionais deben contar con condicións laborais dignas e acordes coa enorme responsabilidade social que asumen cada día: acompañar, coidar e educar a primeira infancia.

    Para CCOO, o conflito de Infantil 0-3 non é unha reivindicación corporativa nin un problema illado dun convenio. É unha cuestión de modelo. Trátase de decidir se Galicia quere unha etapa Infantil 0-3 plenamente educativa, pública, inclusiva e de calidade, ou se acepta que siga dependendo da precariedade laboral, da externalización e da desigualdade entre centros.

    Por iso, CCOO chama o persoal do sector a secundar masivamente a folga do 7 de maio e reclámalle á Xunta de Galicia, ás Administracións locais, ao Goberno do Estado e ás patronais que deixen de mirar para outro lado. Sen condicións laborais dignas non hai calidade educativa. Sen recoñecemento profesional non hai equidade. Sen rede pública suficiente non hai dereito efectivo á educación en Infantil 0-3.