Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Maio 2026.

Comisións Obreiras de Galicia

Día Internacional contra a LGTBIfobia: O seu odio, a nosa diversidade

    Erradicar a LGTBIQA+fobia é un imperativo para CCOO, que defende un pacto de Estado que blinde as persoas do colectivo

    13/05/2026.
    17 de maio 2026, Día Internacional contra a LGTBIfobia

    17 de maio 2026, Día Internacional contra a LGTBIfobia

    «Non está lonxe o día en que a discriminación contra as persoas baseada en a quen aman tamén quedará atrás, no lixo da historia». Kasha Jacqueline Nabagesera, activista africana polos dereitos humanos

    Un ano máis, as COOO de Galicia, xunta as asociacións LGTBIQA+, conme­moramos o Día Internacional contra a LGTBIfobia (Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia). Trátase dunha xornada de reflexión e loita para sensibilizar, denunciar a discriminación e promover a igualdade de dereitos para o colectivo en todo o mundo. Desgraciada­mente, moitos miles de persoas sofren persecución pola súa orientación ou identidade sexual ou de xénero.

    Como sindicato, a nosa meta principal é asegurar o respecto á diversidade no eido laboral, porque consideramos que a igualdade efectiva de dereitos das persoas LGTBIQA+ é parte da loita de todas as persoas que compoñe­mos este Sindicato, pois asenta nos nosos valores primordiais de solidarie­dade, xustiza social, igualdade de dereitos e saúde e seguridade no traballo.

    Malia que a lexislación en España é pioneira e edificante, facilitadora dunha maior comprensión e aceptación social das persoas LGTBIQA+, aínda queda moito camiño por percorrer entre esa regulación e a súa verdadeira e efec­tiva aplicación. Hoxe máis ca nunca, temos que defendela fronte aos discur­sos de odio que avogan claramente por unha forte regresión en dereitos conquistados, pois o rexeitamento extremo que promoven as ultradereitas e as dereitas deshumanizan o colectivo, negan as identidades diversas, pro­pagan discursos de odio nas redes sociais e en certos medios, incitando á violencia e ao acoso contra as persoas pola súa orientación sexual ou iden­tidade de xénero.

    Este 17 de maio, alzamos de novo a voz para denunciar esas condutas LGTBIQA+fóbicas, violentas e de acoso que atentan contra a dignidade e a propia vida, contra os dereitos humanos da poboación LGTBIQA+, así como, por asociación ou erro, contra o resto de persoas cisheteronormativas.

    A igualdade de dereitos só se logra desde unha lexislación que traballe na erradicación das desigualdades sociais e da proliferación e normalización de discursos de odio na esfera pública. España, grazas aos movementos socio­políticos e á acción sindical, é un país pioneiro en lexislación antidiscrimina­toria. Esa lexislación facilítalle ao Sindicato centrar o combate no ámbito la­boral, tratando de evitar a discriminación e a armarización das persoas do colectivo nas empresas por mor dos prexuízos e as posibles situacións de acoso LGTBIQA+fóbico.

    O acoso discriminatorio pode ser puntual ou prolongarse no tempo, e sem­pre ten consecuencias emocionais, mentais ou físicas sobre o benestar e a integridade das persoas que o están sufrindo.

    CCOO desenvolve durante todo o ano o seu compromiso fronte á LGTBIQA+fobia desde a acción sindi­cal sociopolítica, reafirmando a condena contra a homofobia, a lesbofobia, a transfobia, a plumofobia e, en xeral, contra calquera expresión de rexeita­mento, acoso ou violencia fronte á diversidade. Actuamos para previr e identificar situacións de discriminación e acoso derivadas da orientación se­xual, a identidade sexual, a expresión de xénero, as características sexuais e a diversidade familiar, desde a defensa do orgullo como sinónimo de diver­sidade, de identidade, de liberdade... en definitiva, de democracia.

    A nosa responsabilidade sindical lévanos a loitar pola creación de espazos de traballo seguros e inclusivos, diversos, coa intención de que os centros de traballo e empresas estean libres de calquera discriminación.

    Stop LGTBIQA+fobia nos centros de traballo!

    Entendemos que a negociación colectiva é unha ferramenta poderosa para visibilizar e loitar contra a LGBTBIQA+fobia no traballo e acabar cos atrancos e a discriminación que sofren as persoas do colectivo. Por iso le­vamos as políticas LGTBIQA+ ao centro da acción sindical, aos convenios co­lectivos, coa idea de fixar os dereitos laborais en igualdade de condicións e de trato e promover, a través dos protocolos antiacoso, sancións cun custo persoal, social e económico para as persoas que perpetran a LGTBIQA+fobia.

    En definitiva, erradicar a LGTBIQA+fobia é un imperativo deste Sindicato, por iso defende a necesidade de implantar un pacto de Estado que blinde as persoas do colectivo coa protección real e efectiva necesaria, e promove a vida e o desenvolvemento persoal e profesional das persoas LGTBIQA+ en igualdade de condicións, sen ter que renunciar á súa identidade cando ac­ceden ao emprego nin na formación e promoción, nin cando se trate de participar dos beneficios sociais da empresa ou dos dereitos de conciliación.

    A diversidade, a liberdade e o exercicio de dereitos en igualdade de condi­cións para todas as persoas é fundamental nun Estado democrático e desde o sindicalismo de clase avanzamos en dereitos laborais contra a LGTBIQA+fobia.

    Porque a discriminación que sofren as persoas LGTBIQA+ é un atentado contra os dereitos humanos, CCOO é e defende:

    Sindicalismo feminista

    Fronte á LGTBIQA+fobia somos barreira!

    Ao traballo sen armarios!

    Organiza o teu orgullo!