Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Maio 2026.

A baixa non é un problema, é un síntoma

    Postura de CCOO sobre o estudo de absentismo en Galicia: máis prevención, máis sanidade pública e menos control empresarial

    25/05/2026.
    Posicionamento sobre o absentismo.

    Posicionamento sobre o absentismo.

    O informe sobre «O absentismo laboral en Galicia» preséntase cunha aparencia técnica e neutral; porén, cando se le con detemento, deixa ver un marco de análise moi concreto: entende o absentismo, sobre todo, como un problema que cómpre reducir, e non como un síntoma que obriga a mirar de fronte a realidade do emprego, da saúde laboral e da deterioración do sistema sanitario público. E ese punto de partida non é menor; ao contrario, condiciona toda a interpretación posterior. Porque, cando o debate se formula nestes termos, o foco deixa de poñerse en por que enferman as persoas traballadoras e pasa a centrarse en canto custa a súa ausencia, canto dura unha baixa ou que mecanismos poderían aplicarse para acurtala.

    Un texto pulcro, metodoloxicamente rigoroso, aparentemente aséptico. Mais detrás das regresións e dos gráficos latexa unha idea moi concreta: a ausencia do posto de traballo é, ante todo, un desaxuste operativo que hai que corrixir. É certo que o propio informe recoñece que non toda ausencia é ilexítima. Distingue entre unha parte do absentismo socialmente xustificada e outra que considera «inadmisible», e sostén que a atención debe centrarse nesta segunda dimensión.

    O problema é que esa distinción, formulada así, abre unha porta perigosa. Porque, na práctica, mestura fenómenos moi distintos —fraude, xestión ineficiente, atrasos sanitarios, deterioración da saúde mental, problemas musculoesqueléticos ou malas condicións de traballo— dentro dunha mesma lóxica de control. E iso acaba por desprazar a conversa: xa non se fala tanto de previr a enfermidade como de acurtar a ausencia; xa non se debate tanto sobre a orixe do dano como sobre o seu custo. Desde unha perspectiva sindical de clase, aí radica unha das principais obxeccións.

    A maioría das baixas non nacen dunha falta de compromiso das persoas traballadoras. Nacen de corpos esgotados, de estrés sostido, de ritmos de traballo intensificados, de cadros de persoal insuficientes, de quendas imposibles, de dor musculoesquelética acumulada e dun aumento evidente dos trastornos de saúde mental. O propio informe admite a importancia crecente das patoloxías mentais e musculoesqueléticas, así como o peso das enfermidades comúns no conxunto dos procesos de incapacidade temporal. Porén, no canto de tirar todas as consecuencias dese diagnóstico, opta por manter unha ollada que segue a gravitar arredor da xestión, da supervisión e da contención.

    Resulta especialmente preocupante, ademais, a forma en que se incorpora o enfoque da AIReF sobre a incapacidade temporal. O informe recolle a idea de que existe un problema institucional pola separación entre quen financia a prestación —o INSS— e quen decide clinicamente sobre a baixa —o sistema galego de saúde—. Presentado en termos tecnocráticos, isto semella unha simple reflexión de gobernanza. Mais esa afirmación non é trivial; no fondo, suxírese que a autonomía clínica pode quedar contaminada por unha suposta falta de «internalización de custos» e que unha maior protección económica ou un modelo máis garantista poderían influír no inicio ou na duración das baixas. Para CCOO, esa tese merece unha resposta clara: a saúde non pode subordinarse ao aforro. A decisión médica debe rexerse por criterios clínicos e pola protección efectiva da persoa enferma, non pola presión orzamentaria nin por sospeitas xeneralizadas sobre o exercicio dun dereito.

    Hai, ademais, unha contradición de fondo que o informe non resolve. Por unha banda, recoñece que en Galicia a diferenza con respecto a outras comunidades non se explica de maneira suficiente polos factores estruturais analizados. Por outra banda, segue a apuntar a necesidade de actuar sobre o absentismo «inadmisible», reforzar a intervención temperá, mellorar o control e afondar en mecanismos de reincorporación. Mais, se o propio estudo admite que as variables agregadas explican ben pouco, a conclusión razoable non debería ser endurecer a vixilancia, senón investigar máis e mellor que está a acontecer coa saúde da poboación traballadora galega, coa organización do traballo, coa calidade do emprego e co funcionamento real do sistema sanitario.

    Neste punto, a omisión do estado da sanidade pública galega pesa moito. O informe si menciona que as listaxes de espera poden alongar os procesos e que existe relación entre os atrasos diagnósticos ou terapéuticos e a duración das baixas. Pero ese recoñecemento aparece case como unha variable máis, cando en realidade debería ocupar un lugar central. Unha atención primaria tensionada, unha rede de saúde mental infradotada, probas diagnósticas demoradas durante meses e procesos de rehabilitación lentos non son factores secundarios senón que fan parte do problema. Se unha traballadora tarda semanas ou meses en ser diagnosticada, tratada ou rehabilitada, a baixa prolóngase. Non por abuso. Non por comodidade. Non por cálculo. Prolóngase porque o sistema chega tarde.

    Tamén resulta discutible a lectura que se fai da prevención nas empresas. O informe chega a suxerir que a ínfima proporción de baixas recoñecidas como enfermidade profesional ou accidente de traballo sería indicio de sistemas preventivos eficaces. Esa conclusión, vista desde a experiencia sindical, custa aceptala sen matices moi serios. Sabemos desde hai anos que existe unha considerable infradeclaración de enfermidades profesionais e un desprazamento sistemático dos danos derivados do traballo cara á categoría de enfermidade común. Aí prodúcese unha transferencia de custos: o que debería asumir a empresa, ou, cando menos, recoñecerse como dano laboral, acábano soportando o sistema público de saúde e a Seguridade Social. Dicir que o problema case non existe porque apenas aparece nas estatísticas é, como mínimo, inxenuo. E, no peor dos casos, funcional para a desresponsabilización empresarial.

    Outro aspecto rechamante é o peso que adquire a perspectiva empresarial no informe. Analízase a percepción de máis de 300 empresas, cuantifícanse custos directos, estímase o impacto sobre o pib e sublíñase o problema organizativo que supón o absentismo non cuberto. Todo iso pode formar parte do debate, por suposto, mais non pode ser o eixe central. Porque cando se coloca no centro a perda de valor engadido, o aforro potencial ou a sobrecarga empresarial, o risco é evidente: converter un debate sobre saúde e dereitos noutro debate sobre produtividade. E unha sociedade decente non pode avaliar unha baixa médica só en termos de custo. Antes debe preguntarse por que enferma a xente, quen xera ese dano e que políticas públicas e laborais cómpren para reducilo.

    Agora ben, se hai unha carencia especialmente grave no documento, esa é a ausencia dunha verdadeira perspectiva de xénero. Menciónase a participación laboral feminina e apúntase que a maior carga de coidados das mulleres pode influír na súa presenza laboral. Esa idea formúlase de maneira superficial, case descritiva, sen entrar nas raíces do problema. Non se analiza coa profundidade necesaria a dobre xornada que soportan tantas traballadoras, a penalización derivada da maternidade, a concentración feminina en sectores precarizados, o impacto dos coidados non remunerados sobre a saúde, a cronificación do malestar físico e psíquico, nin tampouco situacións tan graves como a violencia de xénero, que o propio marco laboral recolle e que non pode desaparecer da análise coma se fose algo marxinal.

    E isto non é un detalle metodolóxico. É unha cuestión política e sindical de primeira orde. Cando un informe sinala as mulleres como posible factor asociado a maiores taxas de ausencia, pero non desenvolve as desigualdades estruturais que están detrás, corre o risco de reforzar estereotipos en vez de combatelos. Non abonda con nomear a conciliación. Hai que falar de corresponsabilidade, de servizos públicos de coidados, de fendas salariais, de parcialidade involuntaria, de riscos psicosociais, de saúde reprodutiva, de violencia machista e de como todo iso atravesa a experiencia laboral feminina. Se non se fai, a conclusión implícita acaba por ser inxusta: parece que o problema son as mulleres e non a organización social do coidado nin a desigualdade persistente entre homes e mulleres.

    Hai algo máis que doe na lectura deste documento: o silencio estridente sobre a enfermidade profesional e a responsabilidade empresarial. Que as baixas por enfermidades laborais sexan o 0,01 % non é, como suxire o informe, proba de que a prevención funciona. É a fotografía dun sistema de infradiagnóstico, de mutuas que externalizan riscos, de empresas que non invisten en ergonomía real, en pausas efectivas nin en organización do traballo e dunha Inspección que non dá chegado.

    As patoloxías musculoesqueléticas e os trastornos mentais, que copan as estatísticas galegas e estatais non xorden por xeración espontánea. Son o resultado directo de posturas forzadas, de ritmos de produción inhumanos, de acoso institucional, da intensificación do traballo e da incerteza vital. Mais o informe trátaas como fenómenos illados, como variables que hai que «xestionar», en vez de entendelas como denuncias tácitas dun modelo que enferma para producir.

    O diálogo social que propón o documento debe ter contido real, non ser un trámite para pactar restricións baixo o eufemismo da «eficiencia». Se de verdade queremos reducir as ausencias, o camiño non é cuestionar o criterio médico, implantar software de vixilancia nin penalizar quen enferma. Depende de mellorar as condicións en que se traballa; de que haxa cadros de persoal suficientes, xornadas dignas, salarios que permitan vivir sen angustia, servizos públicos de coidados que descarguen as familias, unha atención primaria forte e ben dotada e unha Inspección de Traballo que persiga a precariedade e non a baixa médica. Depende, sobre todo, de que se recoñeza que a saúde mental non é un déficit individual que haxa que xestionar desde recursos humanos, senón un dereito colectivo que se deteriora cando o traballo se volve insostible.

    Avaliación segundo o índice de contidos:

    — Absentismo laboral: concepto e aspectos principais

    O informe debería introducirnos nun asunto que vai moito máis alá das frías cifras dun documento técnico: estamos a falar da saúde e do benestar das persoas nos seus postos de traballo.

    En primeiro lugar, o estudo das universidades debería distinguir de xeito claro e determinante entre o que é un absentismo xustificado —aquel amparado pola lei e por unha necesidade real de saúde— e o inxustificado. Ao non facer esa división no desenvolvemento do estudo, mestúranse nun mesmo plano quen se recupera de calquera procedemento médico cunha incapacidade, quen goza dos seus permisos retribuídos e quen incorre en incomparecencias laborais inxustificadas.

    Non é xusto responsabilizar as persoas traballadoras nin poñer en dúbida os e as profesionais do noso sistema público; as baixas non son «eleccións», senón, a miúdo, a consecuencia de condicións laborais esgotadoras, da ausencia de prevención e dun sistema sanitario que, por falta de investimento, alonga as esperas máis do debido.

    — O absentismo diferencial en Galicia

    Cando o estudo analiza o absentismo diferencial en Galicia, revela unha realidade que nos sitúa entre os postos máis altos das estatísticas estatais. Non é só unha cifra: somos a segunda comunidade con máis xornadas perdidas (un 7,6 %) e a segunda onde as baixas son máis longas, cunha media de 65 días, fronte aos 44 do resto do Estado.

    O máis rechamante é que, tras analizar factores como o envellecemento ou a nosa estrutura produtiva, o persoal experto admite que esas causas «obxectivas» apenas explican por que en Galicia enfermamos máis ou tardamos máis en recuperarnos. De feito, nos procesos de longa duración, os factores estruturais non explican absolutamente nada desa fenda.

    Desde a nosa visión sindical, preocúpanos que ese «misterio» se pretenda resolver falando de «factores idiosincráticos» ou dun suposto «absentismo inadmisible». Para CCOO, a explicación é moito máis humana e máis dolorosa: a deterioración da nosa sanidade pública e a precariedade das condicións laborais.

    Non se pode obviar que Galicia ten unha das ratios máis baixas de medicina de familia e que as listaxes de espera interminables cronifican doenzas que poderían curarse antes. Unha baixa laboral non é un número nunha táboa de custos: é un dereito conquistado que protexe a persoa cando a súa saúde falla, moitas veces por culpa de ritmos de traballo asfixiantes ou da falta de prevención de riscos.

    En conclusión, o absentismo en Galicia debe lerse como un síntoma dun sistema laboral e sanitario que precisa coidados, non como un «delito» que deba perseguirse con controis punitivos. A nosa esixencia é clara: máis investimento en atención primaria e auditorías reais das condicións de traballo. Só coidando as persoas traballadoras, e non vixiándoas coma se fosen sospeitosas, lograremos unha sociedade máis sa e máis xusta.

    — O absentismo laboral e o sistema sanitario

    Falar de absentismo laboral e sistema sanitario é, en esencia, poñer a mirada no vínculo entre a saúde e a vida no traballo. Os datos indican que entre 2022 e 2025 algo está a mudar: as enfermidades mentais incrementáronse de maneira alarmante, xunto con procesos infecciosos e respiratorios que agora nos acompañan durante máis tempo.

    Ante esta realidade, o Sergas puxo en marcha un plan (2024-2026) que, aínda que se presenta como unha «mellora da xestión», na práctica tradúcese nun despregamento de inspeccións e revisións constantes para acelerar as altas médicas. Porén, detrás das cifras deste plan xorde unha voz crítica desde a perspectiva sindical que nos convida a mirar alén do control administrativo.

    Preocúpanos fondamente que se aposte pola vixilancia en lugar do coidado e que non se cuestione que a enfermidade profesional só represente o 0,01 % das baixas. Para CCOO, isto non significa que os postos de traballo sexan seguros, senón que se están a ocultar doenzas baixo o paraugas de «enfermidade común» para evitar responsabilidades empresariais.

    A saúde mental é hoxe a principal preocupación sanitaria a nivel mundial. Máis de mil millóns de persoas —unha de cada oito— conviven con algún trastorno mental; polo tanto, o espectacular aumento das baixas por saúde mental non é un dato identitario das persoas que traballan en Galicia, senón unha preocupación global.

    A folla de ruta global da Organización Mundial da Saúde (OMS) vén marcada polo Plan de Acción Integral sobre Saúde Mental 2013-2030, que establece piares de resposta: liderado e gobernanza eficaces, esixíndolles aos Gobernos aumentar o orzamento sanitario específico; promulgación de leis aliñadas cos dereitos humanos; coordinación transversal da saúde mental en educación, emprego e asistencia social; priorización da identificación de factores de risco e protección das poboacións vulnerables. Isto inclúe ambientes laborais saudables, prevención activa e sistemas de información e coñecemento.

    Como conclusión, non podemos aceptar que a solución sexa simplemente «vixiar máis». Se as baixas duran máis nas zonas rurais ca nas cidades, non é porque haxa menos control, senón porque hai menos profesionais e máis listas de espera; tárdase máis en curar porque se tarda máis en atender.

    O enfoque do estudo das universidades medicaliza un problema que é, antes ca nada, social e laboral. O verdadeiro camiño que debemos adoptar para reducir o absentismo non é premer pacientes e persoal facultativo nin aumentar os recursos da inspección, senón reforzar a atención primaria e esixir que as empresas ofrezan condicións de traballo dignas e seguras. O custo da vixilancia da saúde, da prevención, dunhas condicións laborais xustas e duns ambientes de traballo saudables non debe entenderse como un gasto, senón como un investimento.

    Precisamos un sistema que nos coide, non un que sospeite de nós cando enfermamos.

    — Percepcións empresariais sobre o absentismo laboral en Galicia

    O estudo pon de manifesto unha preocupación crecente: o 60 % das empresas galegas percibe que o absentismo se intensificou tras a pandemia, converténdose nun reto estrutural que afecta especialmente sectores como a industria ou o transporte.

    Para o empresariado, a perda de xornadas supón unha quebra na produtividade que a miúdo se tenta resolver repartindo a carga de traballo entre o resto do cadro de persoal, unha medida que, mesmo sendo habitual, acaba por xerar un clima de estrés e esgotamento. Aínda que a maioría das ausencias se deben a enfermidades comúns, comezan a gañar peso a saúde mental e a falta de motivación como factores clave.

    Porén, desde unha mirada sindical de clase, esta fotografía queda incompleta porque só escoita unha voz: a da empresa. Critícase que, en lugar de preguntarnos que condicións de traballo fan enfermar as persoas, o foco se poña no control dixital e na vixilancia, chegando ás veces a «criminalizar» a enfermidade. Para CCOO, o absentismo non é o problema en si mesmo, senón o síntoma dun modelo produtivo esgotado. Non se trata de falta de compromiso, senón dunha sobrecarga real na que o 39 % das tarefas de quen falta non se cobre, obrigando o resto do persoal a facer un sobreesforzo continuado.

    Como conclusión, a mensaxe é clara e profundamente humana: non precisamos máis software de control, senón máis persoal, mellores salarios e un sistema público de saúde forte que nos coide de verdade. O dereito a enfermar e a recuperarse sen presións é fundamental, porque o traballo debe ser un espazo que sosteña a vida, non que a desgaste.

    — Aproximación ao custo económico do absentismo

    É difícil entender que se pretenda cuantificar o custo da enfermidade e da recuperación das persoas, aínda que se faga desde unha perspectiva empresarial.

    O estudo calcula que a incapacidade temporal en Galicia supón un desembolso de 985 millóns de euros para a Seguridade Social, o que nos sitúa á cabeza do Estado en custo por persoa protexida, con 875 euros. A isto súmanse os 963 millóns de euros que as empresas asumen directamente en prestacións e cotizacións. O informe chega mesmo a afirmar que, de non existir ese tempo perdido sen substitución, a nosa economía —o veb galego— podería gañar 2268 millóns de euros máis en 2024. Por suposto, non se menciona o custo que supoñen para os orzamentos públicos os procedementos de tratamento e recuperación das enfermidades e lesións provocadas polos abusos laborais e polas carencias en prevención e vixilancia.

    As persoas que traballamos non somos números nunha folla de cálculo. Desde esta perspectiva, eses millóns non son un «gasto superfluo», senón un dereito conquistado que lle permite a calquera traballador ou traballadora curar con dignidade, sen medo á pobreza. A realidade que hai detrás das cifras en Galicia é moito máis complexa: temos unha poboación envellecida, sectores produtivos de alto risco e un sistema de saúde —o Sergas— con listaxes de espera que, lamentablemente, prolongan as baixas por falta de recursos. Ademais, o informe esquece o custo do «presentismo»: ese sacrificio invisible de quen vai traballar enfermo, agravando a súa saúde e contaxiando outras persoas.

    Os problemas de saúde non son un «defecto de fabricación» nin unha ineficacia do sistema, senón unha dimensión inherente á vida. Non podemos permitir que o absentismo se utilice como chantaxe para recortar dereitos ou privatizar controis médicos. A saúde das persoas non ten prezo, e o verdadeiro custo que debería preocuparnos é o da precariedade que nos enferma.

    Como conclusión final, CCOO entende que o absentismo é, en realidade, o síntoma de que algo non funciona no medio laboral. Polo tanto, a resposta non pode ser máis control, máis sospeita nin máis presión. Ten que ser outra. Máis prevención real nas empresas. Máis inspección e máis sancións para quen incumpre a normativa en materia de riscos laborais. Máis investimento en atención primaria, saúde mental, rehabilitación e saúde pública. Máis adaptación dos postos de traballo e mellores procesos de reincorporación, especialmente nas baixas de longa duración. Máis participación sindical para coñecer as causas concretas da deterioración da saúde en cada sector. E, desde logo, unha defensa firme da autonomía clínica dos e das profesionais do sistema público de saúde.

    En definitiva, o absentismo non debería abordarse como unha anomalía moral nin como unha simple desviación económica. Na inmensa maioría dos casos, é o síntoma de algo máis profundo: un modelo produtivo que desgasta, unhas condicións laborais que enferman e un sistema sanitario público que, tras anos de sobrecarga e insuficiencia de recursos, non sempre pode responder coa rapidez necesaria. Esa é a discusión de fondo. E, se non se afronta, calquera estratexia centrada unicamente no control do absentismo será, ademais de inxusta, profundamente ineficaz.

    Desde o sindicalismo de clase, a nosa posición é sinxela e rotunda: o absentismo non se resolve vixiando máis, senón coidando mellor. A vida das persoas non é un custo que haxa que optimizar, senón o centro mesmo de calquera economía que se pretenda xusta. E mentres non asumamos iso, seguiremos lendo informes que miden o síntoma pero ignoran a enfermidade.

    CCOO, entre tanto, seguirá defendendo o dereito a curar sen presións, a autonomía do persoal sanitario e unhas condicións laborais que non teñan que facerse visibles a través da baixa médica.

    Armando Iglesias Rodríguez

    Secretaría de Negociación Colectiva, Saúde Laboral e Transicións

    Sindicato Nacional de CCOO de Galicia