Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Maio 2026.

28 de Maio - Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

    CCOO avoga por desenvolver programas transversais de protección da saúde laboral das mulleres, máis aló da maternidade e a lactación

    26/05/2026.
    28 de Maio, Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

    28 de Maio, Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

    Todas as cuestións responsables da discriminación das mulleres, promovidas pola nosa sociedade patriarcal e androcéntrica, derivan nunha invisibilidade das problemáticas femininas (tamén das doenzas) que, de feito, tórnase perigosa cando falamos de saúde, pois incluso pode afectar a vida das mulleres.

    É imperativo promover unha análise sanitaria e de prevención da saúde no traballo con perspectiva de xénero, para tentar erradicar da protección da saúde e da prevención de riscos laborais a discriminación e desigualdade que sofren as mulleres.

    Primeiramente, no eido sanitario, a saúde das mulleres sofre riscos específicos derivados da prevalencia do androcentrismo na sanidade e na investigación de fármacos. Diversos estudos veñen amosando que o sexo pode derivar en distintas reaccións do corpo a químicos, axentes biolóxicos e mesmo na ergonomía que, se non se abordan tendo en conta esa consideración, poden supor riscos para a saúde (tamén para a saúde laboral) diferenciais e, polo tanto, invisibilizados para as mulleres. Máis especificamente cando só está en perigo o corpo feminino, por exemplo o aborto, a violencia de xénero, o acoso ou a explotación sexual.

    No ámbito laboral, a reivindicación céntrase en problemas de índole tamén transversal. Mentres que os accidentes de traballo se estudan —aínda hoxe en día— polo miúdo nos sectores masculinizados, nos sectores feminizados quedan esvaecidos por mor dos prexuízos de xénero.

    Ao mesmo tempo, nas avaliacións de riscos laborais aínda non se lles dá a suficiente prioridade ás circunstancias paralelas ao traballo que teñen consecuencias directas na saúde das traballadoras debido á coñecida dobre xornada ou aos efectos directos sobre a saúde das mulleres que teñen o machismo e a súa tradución máis explícita, o acoso sexual. Ou aos riscos psicosociais (tanto os asociados ao problema da conciliación familiar, como ao coidado profesional das persoas con dependencia ou enfermidades mentais) ou a violencia (máis especificamente nos sector dos coidados, no ensino e no sanitario).

    Porque a saúde das mulleres depende da comprensión e actuación sobre a existencia de realidades diferentes que deben abordarse tendo en conta as súas problemáticas concretas, en especial no eido laboral. Desgraciadamente, aínda é unha materia pendente protexer eficazmente a saúde das traballadoras analizando os riscos específicos aos que están expostas.

    Por iso, CCOO avoga por desenvolver programas transversais de protección da saúde laboral das mulleres, máis aló da maternidade e a lactación (para as cales tamén propoñemos, desde a lexislación actual, ampliar a súa efectividade nas empresas con protocolos específicos), tendo en conta tamén os períodos de perimenopausa e menopausa, a violencia de xénero e os acosos, así como a prevalencia da dobre xornada como risco laboral real. Transversalmente, a nosa defensa do Pacto estatal polos coidados e todas as nosas reivindicacións arredor da reforma laboral, as subas do SMI, a redución horaria sen redución de salario, etc., promoven a creación de espazos de traballo onde se aplica esa necesaria perspectiva de xénero.

    Desde o noso papel de representantes dos traballadores e as traballadoras, no plano da saúde laboral e do coidado das persoas traballadoras reivindicamos:

    —Espazos de traballo agradables, respectuosos e exentos de calquera exposición a riscos de toda índole.

    —Salarios derivados de criterios de distribución de obxectivos e libres por fin desa carga subxectiva e desigualitaria para as mulleres.

    —Protección á maternidade efectiva e repartición das responsabilidades familiares dando pulo á corresponsabilidade.

    —Horarios de traballo con flexibilidade e tempos razoables de xornadas adaptadas.

    —Permisos e licenzas: insistimos na corresponsabilidade e en eliminar do imaxinario colectivo a presunción de que os coidados son responsabilidade única das mulleres.

    —Unha contratación estable (indefinida e a tempo completo) para erradicar a vulnerabilidade (feminizada) que supoñen a temporalidade e a parcialidade.

    Finalmente, este 28 de maio CCOO denunciamos que insistir na aplicación dos estereotipos tradicionais de xénero ou basearse nos roles de xénero e na división sexual do traballo para realizar avaliacións en materia de saúde laboral é totalmente inconsciente e supón un exercicio de irresponsabilidade normativa e social.

    ABSENTISMO = ACOSO LABORAL DA XUNTA E DA PATRONAL