Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Xuño 2026.

CCOO reclama máis medidas contra a discriminación das persoas LGTBIQA+ no ámbito laboral

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou este xoves en Santiago de Compostela a xornada «Sensibilización e linguaxe LGTBIQA+», unha iniciativa centrada na promoción da inclusión, a prevención do acoso e a incorporación de medidas específicas nos centros de traballo e na negociación colectiva. A apertura correu a cargo da secretaria de Mulleres, Políticas de Igualdade e LGTBIQA+ de CCOO de Galicia, María García Barcia, quen reivindicou a necesidade de reforzar a defensa dos dereitos do colectivo nun contexto marcado polo auxe dos discursos de odio e polos intentos de retroceso lexislativo. A responsable sindical apelou á necesidade de construír unha sociedade máis inclusiva e respectuosa coa diversidade, na que todas as persoas poidan exercer os seus dereitos en igualdade de condicións.

    04/06/2026.
    De esq. a der., María García Barcia e Amelia Pérez

    De esq. a der., María García Barcia e Amelia Pérez

    Durante a súa intervención, Barcia destacou que «é a nosa obriga como sindicato de clase pasar de “ver o mundo en branco e negro a velo de cores”», ao tempo que lembrou que a realidade social está formada por persoas e familias diversas cuxos dereitos deben ser garantidos e respectados. Tamén advertiu de que «dar un trato desigual a unha persoa ou a un colectivo por motivos de orientación sexual, identidade sexual, expresión de xénero, características sexuais e diversidade familiar é atentar contra os seus dereitos fundamentais».

    A sindicalista incidiu ademais no papel de Comisións Obreiras para combater as discriminacións no mundo do traballo e garantir ambientes laborais seguros e respectuosos coa diversidade. Neste sentido, subliñou que CCOO continuará impulsando medidas correctoras a través da negociación colectiva e facendo fronte a calquera intento de recorte de dereitos. «Non se pode sinalar a ninguén por ser do colectivo LGTBIQA+», afirmou.

    Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, apelou a seguir reforzando o traballo interno da organización para avanzar na igualdade e na defensa da diversidade. «O sindicato non somos unha illa: as eivas que hai na sociedade tamén as temos dentro e debemos seguir traballando», afirmou.

    Se ben recoñeceu os «avances logrados nos últimos anos» en materia de igualdade, advertiu de que «aínda quedan importantes retos pendentes» na conquista dos dereitos das persoas LGTBIQA+. Neste sentido, defendeu a necesidade de impulsar a sensibilización desde todos os ámbitos da sociedade. «Temos que reflexionar sobre a maneira en que falamos destas cuestións na casa e na escola, porque é moi importante. É o primeiro paso: concienciar, sensibilizar e darlle naturalidade», resumiu.

    A dirixente sindical reivindicou o dereito de todas as persoas a vivir libremente a súa identidade e orientación sen ser cuestionadas nin sufrir discriminacións. «Cada persoa ten que vivir a súa vida, que só é unha, e débea vivir como queira, como decida, sen que ninguén teña dereito a poñela en dúbida nin criticala», manifestou.

    Finalmente, advertiu de que o actual contexto social e político esixe manter a mobilización e o compromiso coa defensa da igualdade. «Non son tempos doados para estas loitas pola igualdade, pero o sindicato non vai tirar a toalla, nin moito menos, porque xa houbo momentos difíciles e CCOO estivo e estará dando a batalla», concluíu.

    Linguaxe non sexista e inclusiva

    A través do relatorio «A linguaxe non sexista e inclusiva na negociación colectiva: máis alá do masculino xenérico ou o desdobramento», a técnica de Igualdade de CCOO, Rebeca Pérez Pico, incidiu na importancia da linguaxe como ferramenta de transformación social e de construción da realidade. Defendeu a necesidade de avanzar cara a fórmulas inclusivas que visibilicen todas as identidades e contribúan a combater as discriminacións que aínda sofren as mulleres e as persoas LGTBIQA+ no ámbito laboral.Ademais, lembrou que a forma en que se nomea as persoas e os colectivos «condiciona a percepción social e pode contribuír tanto á inclusión como á invisibilización, porque o que non se nomea ‘non existe’».

    Na segunda parte da sesión, baixo o título «En primeira persoa», acometeuse a incorporación de medidas LGTBIQA+ ás actuacións sindicais no ámbito da negociación colectiva, coa participación de representantes sindicais e da propia María García Barcia, que compartiron experiencias e reflexións sobre a aplicación práctica destas medidas nos centros de traballo.