Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Xuño 2026.

CCOO alerta dun «illamento estrutural irreversible» de Viveiro se prospera o actual proxecto das variantes leste e oeste

    A Unión Comarcal de CCOO da Mariña alerta dun «illamento estrutural irreversible» de Viveiro polo proxecto das variantes leste e oeste, actualmente en fase de información pública. O sindicato presentou alegacións ao estudo informativo e de impacto ambiental destas infraestruturas por considerar que o trazado proposto supón unha «oportunidade perdida» para garantir o desenvolvemento económico e industrial do municipio.

    05/06/2026.
    Proxecto das variantes de Viveiro | Foto: Axencia Galega de Infraestruturas

    Proxecto das variantes de Viveiro | Foto: Axencia Galega de Infraestruturas

    Para Comisións Obreiras, trátase dunha «estrada de baixas prestacións» que resulta «completamente ineficaz» para as necesidades actuais e futuras do tecido empresarial e económico da zona. Segundo expón nas alegacións, a configuración prevista presenta importantes limitacións que comprometen a capacidade de crecemento de Viveiro a medio e longo prazo.

    CCOO advirte de que o deseño e ocupación de solo prevista imposibilitarían ou encarecerían de forma «moi significativa» unha futura ampliación para convertela nunha vía de altas prestacións. Tamén xerará limitacións para o tráfico pesado e para a actividade loxística das empresas, o que podería traducirse nun aumento dos tempos de transporte, maiores custos operativos e menor capacidade para atraer novos investimentos.

    Por este motivo, o sindicato solicítalle á Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas que redeseñe o proxecto para dotar a circunvalación «das características xeométricas propias dunha vía de altas prestacións». Como alternativa, pide que se modifiquen o trazado e as expropiacións previstas para garantir a reserva de solo necesaria que permita un futuro desdobramento da infraestrutura.

    O sindicato defende que unha actuación destas características debe planificarse «con visión de futuro» e coa capacidade «suficiente» para responder ás necesidades de mobilidade, actividade económica e desenvolvemento industrial da comarca nas próximas décadas.