Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Xuño 2026.

A súa vergoña, o noso orgullo

A clase traballadora avanza fronte ao odio

    Agora máis ca nunca, desde o sindicalismo de clase de CCOO alzamos a voz para celebrar a diversidade, esixir a igualdade efectiva e defender os dereitos das persoas LGTBI+ nos centros de traballo e en cada recuncho da nosa sociedade.

    10/06/2026.
    A súa vergoña, o noso orgullo

    A súa vergoña, o noso orgullo

    Non nacemos para escondernos nin para pedir permiso por existir; nacemos para conquistar a igualdade real alí onde pasamos a maior parte da nosa vida: nas empresas, nos talleres, nas oficinas e nas aulas. Este 2026, mentres indicadores internacionais como o Rainbow Map de ILGA nos sitúan formalmente na vangarda dos dereitos, a realidade que pisamos ao ficharmos cada mañá é cada vez máis distinta. Os datos oficiais xa non se poden camuflar: o odio e a violencia ideolóxica converten os centros de traballo no segundo espazo máis hostil para as persoas LGTBI+.

    Ese odio non é casual. É afán de retroceso. E é unha vergoña. A súa vergoña.

    Seméntase desde algunhas institucións e inocúlase nos centros de produción para atomizar a clase traballadora, golpeando con especial saña as persoas trans. Ante isto, a neutralidade é complicidade. Na defensa dos dereitos humanos non caben as medias tintas nin a equidistancia patronal: ou se protexe activamente a dignidade e a felicidade dos cadros de persoal, ou se é cómplice do medo.

    AS NOSAS REIVINDICACIÓNS NESTE ORGULLO 2026A nosa resposta non nace desde a parálise do lamento, senón desde o orgullo e a forza colectiva. Fronte a quen busca un país monolítico e gris, CCOO responde con propostas concretas, con negociación colectiva e con presenza en cada comité. Os dereitos conquistados non se cumpren só porque estean escritos nun papel oficial; cómpre aplicalos e defendelos día a día.

    Para que os dereitos deixen de ser só tinta no Boletín Oficial del Estado e se convertan no día a día da clase traballadora LGTBI+, CCOO esiximos:

    ● Cumprimento efectivo das leis LGTBI e antidiscriminación: as leis existen, pero os dereitos non se cumpren sós. Esiximos a dotación inmediata de recursos e mecanismos reais de inspección e control para facer da igualdade unha realidade en cada empresa.

    ● Un pacto de Estado contra os discursos de odio: urxe un compromiso político e social vinculante que poña freo á impunidade dos discursos que estigmatizan os grupos en situación de vulnerabilidade e que actúan como a antesala dos delitos de agresión nas rúas e oficinas. Non máis atrasos!

    ● Recoñecemento pleno das identidades: recoñecemento explícito e amparo dos dereitos das persoas intersex, cuxa reivindicación está sendo central este 2026 e que non poden seguir sendo vítimas dos prexuízos e a ignorancia. Non necesitamos permiso para existir, necesitamos que os nosos ámbitos de traballo respecten a nosa existencia.

    ● Non esquecemos o mundo rural: reclamamos medidas específicas de protección e visibilidade que alcancen o medio rural, onde o illamento e a falta de redes agravan a discriminación das persoas traballadoras do colectivo.

    ● Xa abonda de pseudoterapias! As pseudoterapias de conversión son unha tortura para as persoas do colectivo. Unha tortura que deixa secuelas a longo prazo. Reclamamos medidas eficaces para desterrar esta práctica que atenta contra os dereitos humanos. 

    ÁS RÚAS CON ORGULLOO sindicalismo de clase non dá nin un só paso atrás. Respondemos ao odio conquistando dereitos e ocupando o espazo público que nos pertence. Saíndo ás rúas, manifestándonos, reivindicando e creando alianzas coas organizacións da sociedade civil. Por iso, convocamos a toda a afiliación, as persoas traballadoras e a cidadanía a se sumar ás manifestacións territoriais do Orgullo e á gran manifestación estatal do Orgullo 2026, que se celebrará o vindeiro 4 de xullo en Madrid.

    Imos ateigar as rúas para demostrarlles que o medo, o odio e a discriminación fracasaron. Que dan vergoña. Porque a dignidade das persoas traballadoras non se somete aos prexuízos de ninguén.

    Imos seguir avanzando. 

    A SÚA VERGOÑA, O NOSO ORGULLO!

    AO TRABALLO SEN ARMARIOS!