Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 12 Xullo 2026.

CCOO LOGRA A MAIORÍA ABSOLUTA EN CELTIC ESTORES!

    Compartimos unha gran noticia: logramos un resultado histórico nas eleccións sindicais de Celtic Estores (compañía do grupo Bandalux en Moraña).

    12/07/2026.
    Representación de CCOO en Celtic Estores

    Representación de CCOO en Celtic Estores

    Celtic Estores, compañía do grupo Bandalux e situada entre as trinta primeiras da provincia de Pontevedra por facturación, celebrou as súas eleccións sindicais cun resultado que permite a CC.OO. obter a maioría absoluta no comité de empresa

    Nun proceso marcado, segundo denuncia a central sindical, por prácticas empresariais que xa foron obxecto de condena polos Xulgados do Social de Pontevedra, CCOO superou un escenario que cualifica de especialmente desigual. A organización asegura que a dirección chegou a intervir na confección das candidaturas doutras forzas e a favorecer a actividade sindical durante a xornada laboral de determinados candidatos.

    No novo reparto de representación, CCOO obtivo 92 votos e 6 delegados/as, UGT acadou 24 votos e 1 representante, e CIG conseguiu 15 votos e 1 delegado no colexio de especialistas; ademais, UGT revalidou 1 representación polo colexio de técnicos. A configuración do comité queda así nun escenario de clara maioría para CCOO, fronte á composición anterior, na que a organización contaba con 4 membros, UGT 3 e CIG 2.

    A central sindical vincula este resultado á actividade reivindicativa desenvolvida no anterior mandato e ao crecemento da afiliación. Tamén considera que os datos electorais constitúen unha advertencia á empresa para que revise de forma substancial a súa política laboral.

    Entre as principais reivindicacións, CC.OO. denuncia que, de 152 traballadoras e traballadores de produción, só o 5% ten categoría de oficial, mentres que a maioría cobra como operario malia realizar funcións propias dun nivel superior. Por iso, a organización advirte de que non aceptará a continuidade dun modelo que considera lesivo para o persoal e orientado unicamente ao incremento dos beneficios empresariais.