Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Agosto 2026.

CCOO denuncia que 55 000 persoas traballadoras galegas fan horas extra cada semana e catro de cada dez non as cobran

    As horas extra traballadas, pero non pagadas polas empresas, seguen a ser un abuso habitual para miles de traballadoras e traballadores galegos. Segundo un informe de CCOO, baseado nos últimos datos da enquisa de poboación activa (EPA), en Galicia traballáronse de media case 347 000 horas extra á semana no último ano, das que preto de 128 000 —o 36,8 %— non recibiron ningunha contraprestación económica nin en forma de descanso. Noutras palabras, catro de cada dez horas extras non se pagan.

    05/08/2026.
    Segundo os datos da EPA, catro de cada dez horas extras non se compensan, nin economicamente nin con descanso

    Segundo os datos da EPA, catro de cada dez horas extras non se compensan, nin economicamente nin con descanso

    O 5,7 % da poboación asalariada galega fai horas extras con regularidade, isto é, case 55 000 persoas. Deste total, 36 000 cóbranas, pero máis de 25 000 —o 2,6 %— non reciben nada a cambio. Cada unha desas persoas afectadas traballa de media 5,1 horas extra sen pagar á semana.

    A factura económica deste abuso

    Para CCOO, trátase dunha forma de «explotación laboral» que leva presente décadas e que, aínda reducíndose nos últimos anos, non desapareceu, malia a aprobación de normativa específica como o rexistro obrigatorio da xornada de traballo. «Mentres a patronal e certos actores políticos —como a Xunta de Galicia— teiman en criminalizar a clase traballadora polo mal chamado absentismo, empresarios sen escrúpulos continúan a realizar a plena luz do día este tipo de prácticas doutro século», reprocha o sindicato.

    Aplicando ao caso galego o custo laboral medio que manexa o informe estatal, esas horas suporían preto de 7700 euros anuais por persoa que se deixan de percibir en salario e cotizacións, o que situaría o custo laboral non pagado en Galicia nuns 194 millóns de euros ao ano. En termos de emprego, ese volume de horas «regaladas» equivalería a uns 3400 postos de traballo a xornada completa que non se están a crear.

    Educación e sanidade, á cabeza

    A desagregación sectorial amosa que catro actividades concentran preto da metade de todas as horas extra non pagadas de Galicia. Educación encabeza a listaxe, con case 19 700 horas semanais —o 15,4 % do total galego—, seguida das actividades sanitarias e de servizos sociais, con preto de 16 900 horas (13,2 %), a industria manufactureira, cunhas 12 900 horas (10,1 %), e a hostalaría, con preto de 11 400 horas (8,9 %).

    En termos relativos, hai sectores en que a maioría das horas extra que se traballan quedan sen cobrar. É o caso das actividades sanitarias e de servizos sociais, onde o 70,5 % das horas extra do sector non se pagan; das actividades administrativas e servizos auxiliares (69,8 %); ou da educación (52,5 %) ou as actividades financeiras e de seguros (52 %). Outros sectores cun gran volume de horas extras non aboadas son a hostalaría (46,7 %) e a construción (37,5 %).

    CCOO denuncia esta forma de «explotación laboral»

    Para CCOO, as horas extra non pagadas continúan sendo unha forma de «explotación laboral» que persiste malia a existencia de medidas como o rexistro obrigatorio da xornada. O sindicato advirte de que esta práctica non só prexudica as persoas traballadoras, que deixan de percibir salarios e cotizacións, senón tamén o conxunto da sociedade, ao reducir os ingresos públicos e favorecer a competencia desleal entre as empresas que incumpren a normativa e as que si respectan os dereitos laborais.

    Ademais, as horas extras non compensadas nin sequera con descanso, especialmente en sectores con grande esixencia física, «son un factor de risco para a saúde das persoas traballadoras, que facilita accidentes e incapacidades temporais».

    Ante esta situación, CCOO reclama reforzar a Inspección de Traballo en Galicia con máis medios humanos e técnicos, impulsar auditorías sistemáticas dos rexistros de xornada —especialmente nos sectores con maior incidencia das horas extra non pagadas— e endurecer as sancións para disuadir os incumprimentos, incluíndo a responsabilidade solidaria nas cadeas de contratación. O sindicato tamén aposta por intensificar as campañas de información e asesoramento para que as persoas traballadoras coñezan os seus dereitos e os mecanismos de denuncia, así como por incorporar cláusulas de control nos convenios colectivos que garantan o respecto á xornada pactada e a remuneración das horas extraordinarias.