Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Setembro 2026.

O persoal de Frimos inicia unha folga indefinida polos impagos de varias nóminas

    CCOO denuncia a grave situación que atravesa o persoal de Frimos, empresa con sede no Porriño, que iniciou o xoves, 6 de agosto, unha folga indefinida despois de meses de impagamentos salariais e da falta total de respostas por parte da dirección da empresa.

    07/08/2026.
    Concentración do persoal de Frimos para reclamar o pagamento dos salarios (6/8/2026)

    Concentración do persoal de Frimos para reclamar o pagamento dos salarios (6/8/2026)

    O conflito chega tras unha situación que se foi deteriorando progresivamente, con persoas traballadoras que acumulan entre tres e cinco nóminas sen cobrar, unha realidade que CCOO cualifica de insostible e que atribúe á incapacidade da dirección para xestionar a empresa.

    A folga indefinida comezou o 6 de agosto cunha manifestación polo polígono da Granxa, no Porriño, despois de que a asemblea de persoal decidise intensificar as mobilizacións ante a ausencia de solucións aos reiterados incumprimentos salariais.

    Na actualidade, a situación continúa sen se resolver e hai persoas afectadas que seguen acumulando ata catro mensualidades impagadas, o que está a provocar graves dificultades económicas para numerosas familias.

    CCOO considera inaceptable que sexan as persoas traballadoras quen soporten as consecuencias dunha mala xestión empresarial e lembra que o pagamento puntual dos salarios constitúe unha obriga legal irrenunciable.

    Co obxectivo de aumentar a presión sobre a empresa, a asemblea de persoal acordou convocar unha concentración o vindeiro martes, 11 de agosto, ás 9:30 horas, diante do museo MARCO de Vigo, para reclamar o aboamento inmediato de todas as cantidades debidas e denunciar que a mala xestión da dirección non pode recaer no lombo das persoas traballadoras.

    CCOO esíxelle á dirección de Frimos que regularice sen máis demora o pagamento dos salarios e adopte as medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo. O sindicato reitera o seu apoio ás decisións adoptadas pola asemblea de traballadores e traballadoras e continuará acompañando as mobilizacións mentres a empresa non dea unha resposta aos impagamentos salariais.