Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Setembro 2026.

Publicado no DOG o novo convenio do transporte sanitario, que mellora salarios e reduce a xornada

    O VI Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia xa foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 24 de agosto. O texto, asinado por CCOO xunto coa Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (Fegam) e os sindicatos CIG, USO e UGT, ten vixencia desde o seu sainamento ata o 31 de decembro de 2030.

    25/08/2026.
    Publicado no DOG o convenio do transporte sanitario

    Publicado no DOG o convenio do transporte sanitario

    A publicación oficial culmina a tramitación administrativa do convenio e permite consultar xa o texto íntegro dun acordo que CCOO valora como un avance moi relevante nas condicións laborais dun sector esencial para a sanidade pública galega.

    Entre as principais melloras destaca a evolución salarial pactada para os próximos anos. As táboas incrementaranse un 5 % desde o 1 de xaneiro de 2027 e outro 4 % desde o 1 de abril dese ano, mentres que nos exercicios 2028, 2029 e 2030 se aplicará un incremento anual do 4 %.

    Ademais, establécese unha cláusula de garantía para que o incremento salarial acumulado ao remate da vixencia poida situarse ata tres puntos por riba da suma dos IPC interanuais do período, nas condicións fixadas polo propio convenio.

    O novo convenio tamén recolle unha importante redución progresiva da xornada. Descontados os tres días de libre disposición anuais, a xornada efectiva quedará en 1680 horas en 2027 e irá descendendo ata as 1620 horas en 2030, nos diferentes réximes de quendas previstos no convenio.

    Así mesmo, desde o 1 de xaneiro de 2027, o traballo en festivos compensarase cunha recarga do 75 % sobre o salario correspondente ou descanso equivalente.

    Melloras económicas e sociais

    O convenio incorpora outras melloras económicas e sociais, como unha cuarta paga extraordinaria que medrará progresivamente ata alcanzar o 40 % dunha paga en 2030. Tamén se anuncia unha paga lineal en concepto de «recálculo salarial» de 1745 euros brutos, con efectos do 1 de abril de 2027 e para aboar na nómina dese mes, consonte as condicións establecidas no artigo 19.

    Melloras para a saúde laboral

    CCOO salienta tamén os avances en materia de prevención e saúde laboral. O convenio establece actuacións específicas sobre riscos psicosociais, mobilización de persoas, uniformidade e prevención fronte a catástrofes e fenómenos meteorolóxicos adversos, así como estratexias conxuntas para abordar a penosidade do sector e os posibles coeficientes redutores para a xubilación.

    Para CCOO, a publicación no DOG dá cumprimento ao derradeiro trámite administrativo dun convenio que supón un paso adiante nas condicións laborais dun colectivo imprescindible e confirma o valor da negociación colectiva e da unidade sindical para conquistar dereitos e melloras para as persoas traballadoras do transporte sanitario galego.

    Documentación asociada
    Documentación asociada