Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Setembro 2026.

CCOO denuncia o abandono das casetas de vixilancia do distrito de Verín

    A Sección Sindical de CCOO no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) de Ourense denuncia o abandono das casetas de vixilancia do Testeiro e Peñanofre, pertencentes ao Distrito Forestal XIV de Verín-Viana, e esixe á Consellería do Medio Rural unha actuación inmediata.

    22/09/2026.
    CCOO denuncia a situación dos accesos e advirte do risco que supoñen

    CCOO denuncia a situación dos accesos e advirte do risco que supoñen

    Na caseta do Testeiro, a pista de acceso está intransitable en numerosos puntos, malia que o persoal debe utilizar os seus vehículos particulares para chegar ao posto. A instalación tampouco dispón da iluminación necesaria para traballar con seguridade durante a noite, o que impide actualmente cubrir a quenda nocturna. Ademais, hai placas solares levantadas, cableado e outros elementos soltos, deficiencias na iluminación exterior e falta a pasarela de vixilancia comprometida pola Administración en campañas anteriores.

    En Peñanofre, o acceso presenta numerosas fochancas e importantes desperfectos que poñen en risco a seguridade do persoal e poden ocasionar avarías e danos nos seus vehículos particulares.

    Non son problemas recentes

    CCOO salienta que estes problemas non veñen de agora. De feito, os plans de acción elaborados polo servizo de prevención de riscos laborais da Xunta en 2011 e 2012 xa ordenaban adoptar medidas correctoras nos accesos e nas instalacións. Década e media despois, Medio Rural continúa sen executar actuacións que afectan á seguridade do persoal e ao funcionamento do dispositivo contra os incendios forestais.

    Por este motivo, o sindicato esixe a reparación inmediata dos accesos, a revisión integral das casetas, o arranxo do sistema eléctrico e fotovoltaico do Testeiro, a recuperación da quenda nocturna e o cumprimento das medidas preventivas pendentes.