Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Setembro 2026.

23 de setembro – Día internacional da visibilidade bisexual

    Baixo o lema #aotraballosenarmarios, CCOO leva anos apoiando as persoas do colectivo LGTBIQA+ na súa visibilidade para unha incorporación, permanencia e participación en pé de igualdade no eido laboral e na sociedade en xeral, libre de discriminacións e segura.

    23/09/2026.
    23 de setembro, Día internacional da visibilidade bisexual

    23 de setembro, Día internacional da visibilidade bisexual

    Ao longo de todo o ano, especialmente co gallo dos días internacionais de reivindicación desa visibilidade, o Gabinete de Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, coa colaboración da Secretaría de Mulleres, Políticas de Igualdade e LGTBIQA+, promove e participa no desenvolvemento de espazos de traballo inclusivos e respectuosos cos dereitos humanos e laborais para todas as persoas, sen importar a súa identidade ou a súa orientación sexual ou de xénero.

    Así, este 23 de setembro unimos de novo a nosa voz á das persoas bisexuais do colectivo, rememorando aquel mesmo día de 1999 cando, nos EUA, Wendy Curry, Gigi Raven e Michael Page, activistas polos dereitos das persoas bisexuais, instauraron o Día Internacional da Visibilidade Bisexual, co obxectivo de dar esa presenza necesaria á comunidade bi e reivindicar ao tempo o combate fronte á bifobia (discriminación das persoas bisexuais debido á súa orientación sexual, tanto na sociedade en xeral como dentro do propio colectivo LGTBIQA+). Fora Michael Page quen, o ano anterior, deseñara a bandeira bisexual: tres franxas horizontais para representar a atracción cara ao mesmo xénero, cara a xéneros diferentes e a combinación de ambas.

    Tanto a bandeira como o data de reivindicación pretenden non só visibilizar, senón tamén celebrar a identidade bisexual, nomeándoa como unha orientación sexual lexítima; non debemos esquecer que o colectivo bi é un dos máis numerosos dentro da comunidade LGTBIQA+, porén afronta maior invisibilidade, máis estereotipos e mesmo a invalidación da súa orientación porque se ten considerado, erroneamente, como unha fase de confusión ou transitoria.

    A bisexualidade nin é experimentación nin transición (nin, moito menos, como adoita apuntar a bifobia rancia, unha moda). De feito, como explica a académica e activista Ariane Domborovski, a bisexualidade sofre discriminación fóra e dentro do colectivo; este debería ser un espazo de acollida, pero interprétaa erradamente como a procura da certeza da orientación sexual «verdadeira» (xa sexa lesbia, gai ou heterosexual), apremando as persoas bisexuais a «escoller unha orientación sexual».

    A reivindicación do Día Internacional da visibilidade bisexual quere alzarse contra esa bifobia que acubilla uns particulares prexuízos que derivan en illamento, inseguridade e, desgraciadamente, en violencia. De feito, estudos levados a cabo pola Universidade de Stanford amosaron que as persoas bisexuais, fronte ás monosexuais, teñen maior propensión a desenvolver problemas de saúde mental, pois a súa orientación sexual se percibe como unha fonte de rexeitamento e de prexuízo, así como a constante presión para que «se decidan» por unha orientación monosexual.

    CCOO únese ao colectivo bisexual no seu total rexeitamento á bifobia e na loita pola inclusión das persoas bisexuais e a súa visibilidade no seo da sociedade e, en especial, na súa participación laboral en pé de igualdade e sen prexuízos, libre de estereotipos e das violencias derivadas destes. Polo tanto, avogamos pola sensibilización en diversidade afectivo-sexual, familiar e de xénero, así como na formación para aquelas profesións onde as persoas bisexuais puideren sufrir máis bifobia, tales como o ensino, a sanidade e os servizos sociais.

    Este Sindicato, baixo a premisa de que a visibilidade tamén se defende no traballo, leva anos loitando por unha lexislación e unha negociación colectiva que lles procure ás persoas do colectivo LGTBIQA+ o gozo dun ambiente laboral (e, daquela, dunha vida social e persoal) seguro, respectuoso e inclusivo, provisto de dignidade, dereitos e igualdade. Por iso, ademais das campañas, reivindicacións, xornadas de sensibilización e distintas formacións, nos últimos tempos centramos o diálogo social estatal en materia LGTBIQA+ arredor da promoción dun Pacto de Estado contra os discursos de odio cara aos grupos en situación de vulnerabilidade.

    FRONTE Á LGTBIQA+FOBIA, SOMOS BARREIRA!

    O SEU ODIO, A NOSA DIVERSIDADE!

    A SÚA VERGOÑA, O NOSO ORGULLO!