Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Setembro 2026.

O persoal da CSAG denuncia o «agravamento da manipulación informativa»

    O persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG, a antiga CRTVG) concentrouse este mércores en Santiago para denunciar o «agravamento da manipulación informativa» nos medios públicos galegos. A mobilización, convocada polo comité intercentros, tivo lugar ao remate do programa Bos Días.

    23/09/2026.
    O persoal da CSAG denuncia o agravamento da manipulación informativa

    O persoal da CSAG denuncia o agravamento da manipulación informativa

    A concentración reuniu varias ducias de traballadoras e traballadores da Televisión de Galicia e da Radio Galega, que se mobilizaron baixo o lema «Non coas nosas mans». O persoal reclamou uns medios públicos ao servizo da sociedade galega e libres de inxerencias.

    O comité intercentros denuncia a incorporación de editoriais aos informativos da TVG e da RG, ao considerar que nestes contidos se mesturan información e opinión e se reproducen discursos partidistas. As traballadoras e traballadores reivindicaron que «abonda xa de manipulación» e insistiron: «non somos cómplices».

    Os editoriais e os criterios reitores da CSAG

    A incorporación de novos editoriais aos informativos foi sinalada polo persoal como un «novo paso no agravamento da manipulación informativa». Neste contexto, tamén se cuestiona o cumprimento dos propios Criterios reitores da dirección editorial da CSAG. O artigo 6, punto i, establece que «as opinións, en canto xuízos de valor, serán emitidas por persoas alleas á Corporación», coa identificación de quen as manifeste.

    Ante a emisión destes editoriais, o persoal pregunta quen os redacta, quen os aproba e quen asume a responsabilidade polo eventual incumprimento dos ditos criterios.

    O comité coida «inaceptable» introducir opinión ou propaganda partidista baixo a aparencia de información e reclama o cesamento destas prácticas.