Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Outubro 2026.

O ensino concertado volve á folga o vindeiro martes, 6 de outubro

    As organizacións sindicais CCOO, FSIE, UGT, FeUSO, SNEP e CIG convocan novas xornadas de folga no ensino concertado galego os días 6 de outubro, 10 de novembro e 15 de decembro. «Se non queren escoitarnos nunha mesa, terán que escoitarnos nas rúas», advirten os sindicatos, que lle afean á Consellaría de Educación que non atenda as reivindicacións do persoal do ensino concertado nin avance na negociación.

    01/10/2026.
    Mobilización do ensino concertado na primeira xornada do curso escolar (9/9/2026)

    Mobilización do ensino concertado na primeira xornada do curso escolar (9/9/2026)

    A nova convocatoria chega despois da xornada de folga do 9 de setembro, primeiro día da volta ás aulas, cuxo seguimento foi cifrado en máis dun 60 % por parte dos sindicatos convocadores. As seis organizacións valoraron daquela moi positivamente a participación, que consideraron unha mostra do malestar existente no sector ante o bloqueo da negociación e os «continuos desprezos» por parte da Xunta de Galicia.

    Os sindicatos salientaron tamén o elevado seguimento malia os servizos mínimos «abusivos» establecidos por Educación, que ademais representaron un «agravio comparativo inaceptable» respecto dos aplicados nas folgas do ensino público.

    Tres novas xornadas de folga

    Os sindicatos lembran que o ensino concertado representa preto do 30 % do ensino galego e reclaman «condicións dignas» para as súas traballadoras e traballadores.

    Desde CCOO-Ensino reclámase a convocatoria da mesa tripartita e o cumprimento dos acordos xa alcanzados. Ademais, coida «insostible» a situación derivada do bloqueo do acordo de homologación salarial no ensino concertado e denuncia a diferenza de carga lectiva entre os dous modelos educativos. Mentres o profesorado de secundaria do ensino público pasa a ter 18 sesións lectivas, no ensino concertado mantéñense ata 25 horas.

    O novo calendario de folgas arranca o vindeiro 6 de outubro e continuará o 10 de novembro e o 15 de decembro, datas que en todos os casos cadrarán en martes.