Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Outubro 2026.

Coidar ten un prezo - Día Mundial do Traballo Decente 2026

    Con motivo do Día Internacional do Traballo Decente o próximo 7 de outubro, CCOO queremos expresar nas rúas, desde a mobilización, a necesidade de dignificar social, laboral e economicamente a atención a domicilio na política de coidados.

    06/10/2026.
    Día Mundial do Traballo Decente. Coidar ten un prezo

    Día Mundial do Traballo Decente. Coidar ten un prezo

    Os coidados deben constituír no noso país un novo piar do estado de benestar e garantir unha vida digna para todas aquelas persoas que necesitan estes coidados.

    É desexable que as persoas con necesidades de coidados non vexan alteradas as súas vidas máis alá das limitacións da súa autonomía; para iso, deben promoverse os coidados no seu espazo natural: o seu fogar.

    Nesta liña, os coidados no fogar recaen no eufemismo do ámbito familiar, sendo as mulleres as responsables de cubrir estas necesidades de maneira moi maioritaria.

    CCOO apostamos por un sistema de coidados profesionalizados no ámbito do fogar ou en centros especializados, priorizando a atención profesionalizada a domicilio. É condición necesaria para dar a atención de calidade que reclaman as persoas dependentes e clave para non perpetuar os roles machistas que someten as mulleres cargándoas cos coidados familiares.

    Nesta estratexia, o sector de atención a domicilio é clave para desenvolver con garantías a estratexia de coidados no noso país e é fundamental dotalo dos recursos suficientes para asumir os cambios urxentes

    que deben impulsar unha estratexia capital para afrontar aos retos demográficos aos que se enfronta España nas décadas vindeiras.

    Neste sentido, desde CCOO denunciamos as condicións laborais e a precariedade do servizo que as persoas do sector padecen acotío no noso país. Esiximos á vez a necesidade de garantir coidados de calidade como un dereito esencial de cidadanía.

    Con motivo do Día Internacional do Traballo Decente, hoxe o sector da atención a domicilio saímos ás rúas por toda España para reivindicarmos mellores liñas de financiamento e máis recursos aos coidados, unha mellora da carteira de servizos para unha atención de calidade, máis profesionais e mellores ‘ratios’ de atención e acabar coa precariedade laboral do sector.

    En concreto, reivindicamos:

    ● Garantir a xestión pública dos coidados, xa sexa por vía de xestión pública directa, que debe ser reforzada, como a concertada existente e maioritaria na actualidade, homoxeneizando as carteiras de servizo, así como as condicións laborais das traballadoras do sector.

    ● Incrementar liñas de financiamento de todas as administracións públicas competentes, priorizando a profesionalización dos coidados, preferiblemente no fogar.

    ● Un salario mínimo de sector inicial de 1500 € ao mes, que alcance os 1800 € ao mes como salario mínimo nun período máximo de tres anos.

    ● Erradicar a parcialidade como relación contractual.

    ● Reducir a temporalidade alcanzando as ‘ratios’ do conxunto do mercado de traballo.

    ● Reforzar a protección á saúde das persoas traballadoras do sector

    ● Abordar a penosidade e incidencia das condicións laborais na saúde das traballadoras do sector, tanto en mellora de condicións de traballo, prevención de riscos e saúde laboral, como no recoñecemento dos coeficientes redutores para acceder á xubilación anticipada.

    CCOO chama á mobilización as traballadoras do sector en todo o Estado, para facer visible unha reivindicación que terá continuidade nos diferentes espazos en que intervén o sindicato, as mesas do diálogo social, tanto co Goberno de España como cos Gobernos autonómicos, os convenios colectivos e a participación de todas as persoas, especialmente as mulleres, que maioritariamente realizan o seu traballo coidando das persoas que o necesitan.