Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Outubro 2026.

CCOO e UGT esixen subir o salario mínimo un 7 % en 2027 mentres organizan a folga xeral

    «Non hai política salarial en ningún país do mundo capaz de afrontar a barbaridade que supón subir o prezo da vivenda un 12 % en termos interanuais», reivindicou Unai Sordo.

    14/10/2026.
    https://huelga.ccoo.es/

    https://huelga.ccoo.es/

    Os sindicatos CCOO e UGT esixen unha suba do 7 % do salario mínimo interprofesional para o 2027, mentres preparan a convocatoria de folga xeral do próximo 11 de novembro. A xornada de paro de 24 horas engloba unha serie de reivindicacións, como sinala o seu lema: «Salarios, vivenda, prezos».

    O secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, explicou que, impulsando desta maneira a xornada, se garante a máxima cobertura posible ás mobilizacións, tamén desde os centros de traballo. «Este é o grande obxectivo do 11 de novembro: impulsar unha enorme mobilización social no noso país que ateigue as rúas de millóns de persoas traballadoras», recalcou en conferencia de prensa canda Pepe Álvarez, secretario xeral de UGT.

    Sordo salientou que existe un bloqueo na negociación colectiva e que outro dos grandes retos vinculados á xornada de folga está vinculado coa recuperación do Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva. «Chegados a este punto, o salario mínimo ten que subir polo menos ese 7 %, que o eleve por riba dos 1300 euros en 14 pagas e máis de 1500 en 12 pagas», aseverou.

    Tras a caída dos reais decretos de vivenda e o falecemento de Maricarmen, Unai Sordo resaltou que a conversa pública mudou en España para esixir medidas valentes ao conxunto de Administracións públicas. A mobilización quere aglutinar todo o descontento social que estalou tras o desafiuzamento e falecemento de Maricarmen, e tamén cuestións estritamente laborais como unha suba de salarios para tentar paliar a inflación que non para de medrar nos últimos anos.

    Aínda que en España hai «máis xente traballando ca nunca», non existe «política salarial capaz de afrontar a barbaridade que supón subir o prezo da vivenda un 12 % en termos interanuais», reivindicou Sordo. Por iso desde CCOO se propón dedicar o 1 % do PIB anual de España a vivenda pública, polo menos, durante a próxima década. «É absolutamente determinante», recalcou.

    Sordo sinalou que cómpre modificar a lei de vivenda para evitar que as comunidades autónomas estean bloqueando a medida «por puro dogmatismo ideolóxico». «Non pode ser que o máis rendible en España sexa investir nunha vivenda, inflacionando un ben que é ao mesmo tempo unha necesidade básica para a cidadanía española. Hai que tomar medidas que eviten este incremento absolutamente desbocado dos prezos», destacou o secretario xeral.