Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Outubro 2026.

15 de outubro - Día das Mulleres Rurais

    14/10/2026.
    15 de outubro, Día das Mulleres Rurais

    15 de outubro, Día das Mulleres Rurais

    O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recolle na súa páxina web a historia do nacemento da conmemoración deste día internacional:

    En 2008, a Asemblea de Nacións Unidas recoñecía a «función e contribución decisivas da muller rural, incluída a muller indíxena, na promoción e desenvolvemento agrícola e rural, a mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza rural». A ONU entendía que «mundialmente, con poucas excepcións, todos os indicadores de xénero e desenvolvemento mostran que as campesiñas se atopan en peores condicións que os homes do campo e que as mulleres urbanas».

    Así, esa reivindicación internacional por fin visibilizaba o papel fundamental que as mulleres representan nas economías rurais, sobre todo nos países en vías de desenvolvemento. Tamén nos lembra a ONU que «as mulleres rurais custodian o medio ambiente e a diversidade».

    En Galicia, o noso rural segue a ser fonte de discriminacións para moitas mulleres —como acontece no resto de comunidades cunha forte dependencia do medio rural—, mesmo sendo elas as principais sustentadoras desas economías (agricultura e gandería, particularmente). Por iso CCOO demanda para elas condicións laborais e de vida dignas e xustas.

    Denunciamos que sen as mulleres do rural galego, a nosa alimentación, a nosa agricultura e os nosos campos e montes estarían abocados á destrución.

    Por todo isto, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia defende un rural vivo, dinámico e, sobre todo, equitativo. Levamos anos apoiando os movementos que defenden a mellora das condicións de vida no agro desde o noso ámbito laboral.

    Reivindicamos que a fenda salarial desapareza tamén dos contratos do agro, que se lles recoñeza ás mulleres a propiedade conxunta das explotacións gandeiras cando corresponde (dereitos sobre a terra), así como un trato xusto e dereitos laborais en igualdade de condicións para as traballadoras inmigrantes nos nosos campos ou empresas agroalimentarias. Máis aínda, reivindicamos o necesario pulo na implantación masiva das redes de conexión tecnolóxicas no rural, medios e servizos necesarios e suficientes e a erradicación dos prexuízos arredor dos labores agroalimentarios. Todo isto é necesario para un medio rural onde as mulleres compartan as mesmas oportunidades e gocen, en igualdade de condicións, dos mesmos dereitos que os homes.

    CCOO coas mulleres do rural!