Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Outubro 2026.

Pensións e políticas públicas, claves contra a pobreza

    No Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, CCOO reivindica a necesidade de dar resposta desde as políticas públicas aos numerosos retos existentes.

    17/10/2026.
    17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

    17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

    Segundo o INE, 9,5 millóns de persoas (o 19,5 % da poboación do Estado) atópanse en risco de pobreza monetaria.

    En Galicia, os datos do último informe de EAPN Galicia alertan dun preocupante aumento da pobreza e da exclusión social: en 2025, a taxa AROPE —indicador europeo de risco de pobreza ou exclusión social— situouse no 22,1 %, o que significa que preto de 600.000 galegos e galegas estaban nesta situación, 91.000 persoas máis ca en 2024.

    Diferentes factores agravan a pobreza monetaria.

    En Galicia, a composición do fogar e o acceso á vivenda condicionan especialmente a vulnerabilidade económica.

    As familias monoparentais afrontan maiores dificultades, mentres que o custo do alugueiro pode agravar o risco de pobreza: segundo EAPN Galicia, no ano 2024 afectaba ao 36,1 % das persoas que vivían de alugueiro a prezo de mercado, fronte ao 14,8 % das que tiñan vivenda en propiedade.

    Á acción protectora do Estado

    Sen as prestacións públicas, a pobreza monetaria multiplicaríase.

    O sistema público de pensións é o que máis repercusión ten á hora de soster os ingresos dos fogares. En Galicia, unha comunidade cunha poboación notablemente envellecida, o impacto das pensións é crítico para evitar unha taxa de exclusión moito maior. A este resultado contribuíu de maneira relevante a nova garantía de suficiencia acordada na reforma de pensións de 2023, que vincula o limiar de risco de pobreza coas contías das pensións mínimas e non contributivas.

    O papel de CCOO na reforma de 2023 foi crucial para aliviar a pobreza de millóns de persoas. A súa aposta pola negociación blindou a actualización das pensións co IPC, garantindo un chan social para os máis vulnerables, aínda que algúns tramos sigan sendo insuficientes. Pola contra, a CIG situouse á marxe do acordo, priorizando a crítica e o rédito sindical e político antes que asumir a corresponsabilidade de asinar melloras inmediatas para a xente que máis o precisa.

    Ingreso Mínimo Vital 

    Ademais das pensións, son fundamentais as prestacións por desemprego e os sistemas de garantía de rendas mínimas. Neste punto, CCOO consideran urxente modificar a Lei de inclusión social de Galicia para asegurar unha total complementariedade entre a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e o Ingreso Mínimo Vital (IMV), mellorando ademais a súa vinculación coas políticas activas de emprego.

    Vivenda e pobreza

    O réxime de tenencia da vivenda é un piar básico nas políticas de erradicación da pobreza. O aumento dos prezos provocou unha verdadeira emerxencia habitacional en Galicia, sendo o principal motor do incremento da pobreza entre a mocidade galega (de 18 a 34 anos), que se disparou ata o 27 %. É necesario, por tanto, reforzar as axudas específicas ao alugueiro e consolidar de maneira indefinida as moratorias antidesafiuzamentos e as prórrogas de contratos para evitar a expulsión de familias vulnerables.

    Ante o incremento xeral de prezos, cómpre aumentar o SMI e garantir o poder adquisitivo. Ter un emprego xa no garante saír da pobreza: o informe sectorial confirma que en Galicia 3 de cada 10 persoas en situación de pobreza están traballando (traballadores pobres), unha precariedade concentrada en postos de menor cualificación, sectores fuertemente feminizados, sector primario, construción ou a hostalaría.

    Pobreza enerxética

    Finalmente, no contexto do encarecemento da enerxía, a pobreza enerxética segue golpeando os fogares máis vulnerables. Cómpre mellorar de forma urxente o despregamento e a protección do bono social eléctrico, facilitando a súa tramitación automática para que a totalidade dos perceptores do IMV accedan a este dereito de forma efectiva.