Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Outubro 2026.

26 de outubro - Día da visibilidade intersex

    O Día Internacional da Visibilidade Intersex ou Día da Intersexualidade, celebrado cada 26 de outubro desde hai 22 anos, reivindica a visibilidade das persoas que naceron cun corpo que non se axusta ás definicións típicas do que significa ser home ou muller.

    23/10/2026.
    Día da visibilidade intersex

    Día da visibilidade intersex

    Nesta data denúncianse as fortes discriminacións baseadas no descoñecemento pero, sobre todo, na excluínte división binaria por sexos (feminino/masculino) predominante na nosa sociedade patriarcal e busca concienciar sobre a fenda no acceso aos dereitos de autonomía das persoas intersex.

    Escolleuse este día como data anual de reivindicación porque o 6 de outubro de 1996 tivo lugar unha manifestación en Boston, diante da sede onde se desenvolvía a Convención Anual da Sociedade de Pediatría Americana. Aquela manifestación xurdiu da necesidade de visibilizar pero, sobre todo, de establecer unha conversa adulta cos participantes na convención para espertar a conciencia sobre os perigos na saúde física e mental das técnicas que estes profesionais da medicina aplicaban a menores intersex para adaptalos ao binarismo “aceptable”; traumas que podían durar o resto das súas vidas (aínda que moitas prácticas dos 50 e 60 xa foran abandonadas, ao entendelas como crueis, outras seguiron e seguen a aplicarse).

    Dúas caras visibles dun movemento aínda en formación (Sociedade Intersex de Norteamérica, ISNA, polas siglas en inglés), Max Beck e Morgan Holmes, persoas adultas intersex que foran sometidas a esas intervencións na súa infancia, contaban con intervir nesta convención, pero finalmente non tiveron acceso, polo que a ISNA, apoiada por algunha outra organización LGTBIQA+, organizouse na entrada para transmitir a súa mensaxe ás persoas asistentes (doutoras a doutores en pediatría, persoal de enfermería e de traballo social...). Baseándose tanto na súa propia experiencia como en entrevistas realizadas a outras persoas intersex (persoas novas, adultas e familiares), explicaron as inxustizas éticas e legais desas intervencións cirúrxicas nas persoas intersex, así como unha achega máis persoal tomada do desenvolvemento e autonomía de menores intersex que sufriran esas intervencións (nos informes médicos, era habitual que foran denominadas hermafroditas ou pseudo-hermafroditas) e o posterior trauma de supervivencia que experimentaban tras o sometemento a esa autodenominada «cirurxía de normalización». Os efectos a longo prazo desas intervencións tan temperás tiñan repercusións na infancia e na idade adulta, pero a sociedade pediátrica non o tiña en conta (a asociación médica de gais e lesbias xa apoiaba esta posición das organizacións en defensa das persoas intersex para eliminar esas intervencións).

    Morgan Holmes escribiu, ao lembrar os acontecementos daquela xornada, que sentía aprehensión ante a posibilidade de atoparse co cirurxián en pediatría Robert Jeffs, relator na convención: «viu o meu pequeno corpo de 7 anos como unha abominación só presentable con resultados cosméticos aceptables despois da cirurxía practicada».

    Ela considera que o movemento, que inicialmente apelaba á simpatía e ás emocións para concienciar sobre as discriminacións das persoas intersex, debe focalizarse máis ben na lóxica, na equidade, nos principios doa dereitos humanos sobre a autonomía da persoa. Na súa reivindicación, asume que non haberá liberdade futura para as persoas intersex mentres non se erradique da visión médica a idea de que os seus corpos sofren «un trastorno de desorde».

    Emi Koyama (que formou parte da ISNA) e Betsy Driver, cofundadora do proxecto en liña Bodies like Ours (Corpos como os nosos) crearán o ideario deste Día Internacional da Visibilidade Intersex. Ademais de impulsar o recoñecemento ás persoas pioneiras que ocuparon a primeira liña do movemento desde os seus inicios, sen medo a ser vistas nin avergonzarse do corpo co que naceron, a súa intención era involucrar o resto da sociedade —medios de comunicación, outras organizacións e cidadanía en xeral— na creación dunha conciencia comunitaria arredor da intersexualidade; que se falara do tema para denunciar o maltrato que sofren as persoas intersex, especialmente na infancia; que se procurasen solucións baseadas nos dereitos humanos e a liberdade individual a decidir sobre o propio corpo máis aló de estereotipo ningún.

    CCOO únese a esa reivindicación en prol da visibilización e da igualdade! Facemos un chamamento por un mundo libre dos prexuízos e discriminacións do binarismo, onde todas as persoas, sen importar o seu sexo, xénero, orientación sexual ou características sexuais, vivan libremente e teñan autonomía plena sobre os seus corpos.