Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 12 Novembro 2026.

Os sindicatos da CSAG esixen a renuncia ou o cesamento da directora xeral, Concepción Pombo

    A convocatoria de folga deste 11 de novembro foi seguida ata o mediodía polo 70 % do cadro de persoal dos medios públicos galegos que podía secundala, segundo un comunicado dos tres sindicatos convocantes con representación —CCOO, CIG e UGT—. Tamén participou persoal das produtoras externas, o que provocou alteracións visibles na programación da Radio Galega e da TVG, malia os servizos mínimos abusivos.

    12/11/2026.
    A convocatoria de folga xeral baleirou a redacción da CSAG e alterou a programación habitual

    A convocatoria de folga xeral baleirou a redacción da CSAG e alterou a programación habitual

    Na TVG, o informativo Bos Días viu recortada a súa emisión en quince minutos e sufriu importantes cambios na estrutura pola redución dos directos: dos catro habituais só houbo un, cuberto con servizos mínimos, polo que foi necesario recorrer a reportaxes de informativos anteriores. Tamén caeron os directos contratados coa produtora Overon, ao secundar a folga o seu persoal.

    O programa O Termómetro non chegou a emitirse e foi substituído por redifusións. Na Radio Galega, a programación nocturna gravouse previamente: A boas horas desapareceu da grella e emitíronse programas antigos e podcasts. A emisión de Galicia por Diante comezou ás seis da mañá, pero tamén caeu a franxa conducida por Kiko Novoa, prevista para as 9:30 horas.

    Ao inicio e ao remate de cada hora emitíronse indicativos sobre a afectación da programación pola folga xeral. Na TVG tamén se incluíron avisos ao comezo e ao final dos contidos pregravados que substituíron a programación habitual.

    Na franxa do mediodía da Radio Galega suprimiuse o bloque deportivo das 14:30 horas, substituído por contidos gravados. Na TVG tamén desapareceron os deportes e a sección O Tempo. Ademais, estaban previstas novas alteracións pola caída de contidos non esenciais e das gravacións de plató do programa cultural ZigZag.

    Impugnación dos servizos mínimos

    Os sindicatos convocantes anuncian que impugnarán distintas cuestións relacionadas coa xornada, entre elas os servizos mínimos abusivos, a emisión de información non esencial, a escasa presenza dos indicativos de folga e os criterios empregados para substituír a programación non informativa que non puido realizarse. Denuncian que a repercusión dos paros foi importante tanto entre o persoal propio dos medios públicos como nas produtoras externas que lles prestan servizos.

    Nun claro intento de eclipsar e boicotear a folga xeral, a empresa publicou na intranet da CSAG dúas comunicacións sobre cuestións de especial relevancia que están abertas coa representación legal das persoas traballadoras: a denegación de xubilacións parciais e a situación da negociación do convenio colectivo, que leva case tres anos aberta.

    Os sindicatos piden a destitución ou renuncia da directora xeral

    Os sindicatos da CSAG esixen á directora xeral da TVG e da Radio Galega, Concepción Pombo, que renuncie ao seu cargo ou, no seu defecto, que o Consello de Administración inicie o mecanismo para propoñer o seu cesamento. Consideran que a cobertura informativa da folga xeral do 11N foi «vergoñenta» e estivo aliñada co discurso do Partido Popular.

    Os sindicatos denuncian que os espazos informativos da televisión e da radio públicas limitaron a cobertura do paro e das multitudinarias manifestacións celebradas por todo o país a unha sucesión de anécdotas sobre incidentes nos piquetes informativos, con testemuños seleccionados para desprestixiar o dereito á folga e criminalizar as persoas que a secundaron. Pola contra, non se ofreceron imaxes da dimensión histórica das mobilizacións nin se explicaron as razóns que levaron milleiros de persoas a participar nelas, negándolle así á cidadanía galega información veraz sobre o que estaba acontecendo.

    Os sindicatos da CSAG lembran que, despois das eleccións xerais do 29 de novembro, a plataforma en defensa dos medios públicos decidirá a data dunha nova gran mobilización en defensa da radiotelevisión pública galega, coa que espera involucrar a maioría democrática da sociedade.