Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Xullo 2025.

Xan María Castro, Paz Pena e Álvarez Corbacho foron galardoados cos Premios 10 de Marzo

    A Fundación 10 de Marzo de CCOO de Galicia galardoou hoxe cos Premios 10 de Marzo que anualmente concede a persoas destacadas polo seu compromiso social en diferentes ámbitos, a Xan María Castro, José Luis Paz Pena e Xaquín Álvarez Corbacho.

    09/03/2013.
    De esquerda a dereita, Paz Pena, Álvarez Corbacho e Xan M.ª Castro

    De esquerda a dereita, Paz Pena, Álvarez Corbacho e Xan M.ª Castro

    No comezo do acto interveu o secretario xeral de CCOO en Santiago-Barbanza, Juan Granados, mentres que no remate tomaron a palabra a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión.

    Xan María Castro Paz (A Coruña, 1945)

    Pasou a infancia e xuventude no barrio coruñés de Monelos. Profesionalmente comezou no Banco Central e, ao pouco tempo, na segunda metade dos anos sesenta entrou a formar parte das Xuventudes Comunistas e tomou contacto co movemento sindical.

    En 1967 foi detido por asociación ilícita e propaganda ilegal. Volveu ao cárcere tras ser detido nas protestas polo Proceso de Burgos, e alí coñecería a Ignacio Fernández Toxo. Pouco despois, en 1972, foi despedido e atopou traballo no secto do metal, en ITELSA.

    Nos anos seguintes involucrouse aínda máis no movemento obreiro e en 1978 foi elixido secretario xeral de Comisións Obreiras da Coruña. Tres anos despois foi elixido secretario de Organización do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, do que sería secretario xeral entre 2000 e 2009.

    José Luis Paz Pena (A Coruña, 1944)

    Comezou a traballar moi novo nun hotel, e máis tarde en Aluminios de Galicia. A conciencia social levouno a militar no MC e a se involucrar na loita sindical coas Comisións Obreiras, que aínda eran ilegais. A súa militancia política estivo vinculada ao PC e posteriormente a Esquerda Unida.

    O seu compromiso sindical sempre estivo ligado aos compañeiros da empresa e á Federación de Industria, ademais de traballar activamente na Unión Comarcal de CCOO da Coruña, da que foi secretario xeral.

    Xaquín Álvarez Corbacho (O Grove, 1942)

    O seu compromiso coa loita pola democracia e contra a ditadura levouno a ser o primeiro alcalde da democracia no Grove, polo PCG, desde o ano 1979 ata 1981. Nos anos oitenta, logrou a Cátedra de Facenda Pública da Universidade de Santiago; tamén foi vicerreitor de asuntos económicos desta universidade. Posteriormente, exerceu a súa tarefa docente na Universidade da Coruña como catedrático de Economía aplicada, sempre coa inquedanza propia do compromiso político que o leva a ser designado polo Parlamento conselleiro do Consello de Contas por proposta do PSdeG-PSOE.



    Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2013

    Gabinete de Comunicación
    Horario: luns a venres, 9-14 e 17-20h
    686 469 993 / 981 551 867 | xuz[arroba]galicia.ccoo.es
    + Máis información en: http://www.galicia.ccoo.es