Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2025.

Amelia Pérez é reelixida secretaria xeral da Unión Comarcal de Vigo

    As delegadas e delegados que participaron no 8.º Congreso da Unión Comarcal de CCOO de Vigo reelixiron como secretaria xeral a Amelia Pérez Álvarez. O conclave comarcal celebrouse baixo o lema «fomos futuro, somos futuro».

    09/03/2017.
    Amelia Pérez Álvarez

    Amelia Pérez Álvarez

    A candidatura de Pérez, a única que se presentou, logrou o 85 % dos apoios. A secretaria xeral reelecta agradeceu este apoio, que definiu como «unha satisfacción e unha responsabilidade». Canda ela formarán parte do novo equipo Francisco Carrera Pérez, Montserrat Carrera Leirós, Enrique Alonso Rodríguez, María Yolanda Pahino Vázquez, Valeriano González Alejandro, Purificación Bernárdez Álvarez, Eugenio de la Iglesia Delgado, Mercedes Carrera González e Fernando Armendáriz Gil.

    Canto aos retos inmediatos, a sindicalista sinala que hai «tarefas moi importantes a curto prazo», entre as que situou a competencia de Portugal en sectores como a automoción ou o risco de que unha importante porcentaxe do desemprego se converta en estrutural.

    Segundo Amelia Pérez, nesta etapa «temos que estar á ofensiva e pelexar por que a  riqueza que din que se está creando no país se reparta entre a clase obreira», particularmente no que atangue á recuperación do poder adquisitivo dos salarios.

    Ligando coas conmemoracións de mañá, Día da Clase Obreira Galega, Amelia Pérez explica que as CCOO «fomos determinantes para que chegase a liberdade a este país, e nestes intres tamén imos ser determinantes para, na saída da crise, recuperarmos o perdido».

    Por último, e parafraseando a Álvaro Cunqueiro, que dá nome ao novo hospital olívico, «sigamos construíndo entre todos e todas, durante mil primaveras máis, as CCOO», enfatiza a secretaria xeral comarcal.