Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Novembro 2026.

Fronte ao negacionismo e o racismo machista, organización e feminismo sindical

    Un ano máis, este 25 de novembro, desde CCOO alzamos a voz nas rúas e nos centros de traballo para reafirmarmos o noso compromiso irrenunciable coa erradicación de todas as formas de violencia machista. 

    17/11/2026.
    Contra o negacionismo. Pola vida das mulleres

    Contra o negacionismo. Pola vida das mulleres

    A violencia contra as mulleres sempre foi a manifestación máis salvaxe e estrutural da discriminación (unha discriminación que se exerce nas casas, nas rúas e tamén nas empresas a través da fenda salarial, a precariedade, a desvalorización dos empregos feminizados, a segmentación e o acoso sexual ou por razón de sexo), e que nos tempos que corren estase vendo reforzada coa violencia institucional das dereitas alá onde gobernan e as constantes ameazas contra as mulleres e a igualdade. 

    Por iso, este 25N, desde o feminismo de clase de CCOO denunciamos dúas ameazas centrais que atentan directamente contra os dereitos das traballadoras e a convivencia democrática: o negacionismo e a instrumentalización racista das mulleres. 

    Asistimos a unha ofensiva ideolóxica reaccionaria que pretende desmantelar os avances conquistados polo movemento feminista. En autonomías e concellos gobernados polas dereitas elimínanse, dilúense ou rebáixanse as consellerías e concellarías dedicadas especificamente á igualdade; substitúese o termo e a idea de que existe violencia de xénero pola fórmula «violencia intrafamiliar» (co que se invisibiliza a raíz estrutural do machismo); recórtanse o financiamento e mais o gasto público dedicado á rede de apoio ás vítimas, aplicando modificacións normativas de acceso á vivenda; e estes gobernos incluso se negan a asinar declaracións institucionais durante o 25 N. 

    Orgullosos das súas políticas, anuncian novas medidas, tales como cuestionar o dereito ao aborto ou a supresión do Ministerio de Igualdade, se chegan ao Goberno. Negan a capacidade de acción das mulleres e as violencias machistas.

    O negacionismo quita recursos preventivos, liquida os servizos públicos de atención e pon en dúbida a credibilidade das mulleres agredidas. Actuacións que teñen os seus efectos pois, no que levamos de ano, as cifras de mulleres asasinadas aumentaron con respecto ao ano anterior: 44 mulleres e tres menores ata o 3 de novembro. Denúncianse 15 violacións ao día —é dicir, unha violación cada hora e 35 minutos— e unha agresión sexual sen penetración cada 32 minutos; e, segundo a Enquisa europea de violencia de xénero, o 28,4 % das mulleres en España foron vítimas de acoso sexual no ámbito laboral nalgún momento da súa vida, o que significa que máis de 4,4 millóns de traballadoras sufriron acoso no seu centro ou con ocasión do traballo.

    Nas empresas e Administracións, este discurso reaccionario pretende frear a execución dos plans de igualdade e os protocolos contra o acoso sexual e por razón de sexo que tanto nos custa acordar e nos que este sindicato está tan implicado. Por iso, manifestamos o noso compromiso irrenunciable a seguir negociando, acordando, pondo en marcha e avaliando os plans de igualdade e os protocolos de prevención e actuación contra o acoso sexual e por razón de sexo no traballo. As delegadas e delegados do sindicato van seguir actuando de cordón protector nos seus centros de traballo para tentar garantir espazos laborais seguros.

    As dereitas non só negan as violencias machistas cando a cometen homes autóctonos; tamén as instrumentalizan sen escrúpulos cando o agresor é migrante ou racializado. Pretenden utilizar as mulleres como pandote e escudo para xustificar discursos de odio, xenofobia e racismo. Esta tamén é a nosa loita e por iso tamén denunciamos o uso racista e reaccionario que se fai desde unha suposta defensa das mulleres. O feminismo sindical é antirracista e non imos permitir que utilicen a dor e a seguridade das mulleres para dividirnos. 

    Pero CCOO non só está comprometido no ámbito laboral. Non imos dar un paso atrás, senón sempre cara adiante: traballando para previr as violencias machistas, visibilizándoas, demandándolles responsabilidades aos homes, denunciando a falta de políticas públicas e informando as vítimas dos seus dereitos. Fronte ao negacionismo, en cada negociación, campaña, informe e información seguiremos facendo visible a violencia estrutural que se exerce coas mulleres porque a invisibilidade mata. 

    Esiximos a consolidación e o reforzo do Pacto de Estado contra as violencias de xénero e o reforzo das políticas públicas que protexan a vida e a dignidade de todas as mulleres en todos os ámbitos. 

    Fronte a quen encirra o odio, o negacionismo e a división racista, os homes e mulleres de CCOO respondemos con máis organización e máis feminismo de clase.

    CONTRA O NEGACIONISMO 

    POLA VIDA DAS MULLERES

    Acude ás convocatorias que se realicen no teu centro de traballo e na túa localidade o día 25 de novembro.