Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Maio 2025.

Cristóbal González é elixido novo secretario xeral comarcal de CCOO da Coruña

    O Congreso da Unión Comarcal de CCOO da Coruña elixiu como novo secretario xeral a José Cristóbal González Triñanes, candidatura avalada polo 99 % dos votos das delegadas e delegados do Congreso (rexistrouse unicamente unha abstención).

    27/03/2017.
    Cristóbal González (esquerda), xunto ao seu predecesor, Demetrio Vázquez

    Cristóbal González (esquerda), xunto ao seu predecesor, Demetrio Vázquez

    O Congreso tamén apoiou de xeito maioritario a composición da nova Comisión Executiva (non houbo ningún voto en contra, só doce abstencións), que integrarán Tensi Álvarez Folgar, Demetrio Vázquez Martínez, Dolores López Vigo, Jesús Ramallal Fernández, Pilar Candelas Arnao, José Samuel Paz Castrillo, Olalla Carballeda Feijóo e Juan Martínez García.

    Asistiron como persoas convidadas a este Congreso os anteriores secretarios xerais comarcais (Manuel Villares, José Luis Paz Pena e José Manuel Lado Lestón), tres representantes da Comisión Executiva Nacional de CCOO (Xosé Manuel Sánchez Aguión, Adela Poisa e Maica Bouza), así como o deputado de En Marea e ex-economista de CCOO, Manuel Lago Peñas.

    Demetrio Vázquez, que deixa a Secretaría Xeral da Unión Comarcal, pero segue no novo equipo de dirección, recibiu o recoñecemento dos compañeiros e compañeiras que participaron no proceso congresual.

    Resolución

    O Congreso comarcal da Coruña aprobou unha resolución de apoio á Asemblea Aberta en Defensa do Común na súa reclamación sobre a devolución gratuíta do patrimonio público.

    O secretario xeral

    José Cristobal González Triñanes, de 43 anos, é membro do comité de empresa de Carrefour. No último mandato encargouse da Secretaría de Organización da Unión Comarcal.