Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Xuño 2025.

ORGULLO 2025

28X - Agora máis ca nunca: ao traballo sen armarios!

    Este 2025 cúmprense 20 anos da entrada en vigor do matrimonio igualitario en España, tras moitos anos de loita e activismo. As 18 palabras introducidas no artigo 44 do Código Civil foron: «O matrimonio terá os mesmos requisitos e efectos cando ambos os contraentes sexan do mesmo ou de diferente sexo». ESPAÑA FOI PIONEIRA DAQUELA E SEGUÍMOLO SENDO.

    11/06/2025.
    Ao traballo sen armarios!

    Ao traballo sen armarios!

    Agora máis ca nunca, os dereitos LGTBIQA+ érguense como fronteira da democracia fronte á vaga reaccionaria que percorre o mundo e que xa chega á Unión Europea. O pasado 18 de marzo de 2025, Hungría converteuse no primeiro país do mundo democrático en prohibir as marchas do Orgullo, mentres outros países no corazón de Europa, como Polonia ou Bulgaria, continúan coas súas políticas discriminatorias.

    Non podemos ficar impasibles. Tamén no noso país, os concellos gobernados por PP e Vox vetan as bandeiras do arco da vella, poñen trabas a unha educación afectiva e sexual inclusiva e espallan os discursos de odio.

    28X Defender a diversidade, a liberdade e o exercicio de dereitos en igualdade de condicións para todas as persoas, sexa cal for a súa identidade, orientación sexual e expresión de xénero, é fundamental para o noso modelo social e de convivencia. E tamén o é para o sindicalismo de clase de CCOO. Porque sempre son as traballadoras e os traballadores —esa clase traballadora ampla e diversa— quen fixeron avanzar este país, e quen máis sofren os retrocesos.

    NIN O PERMITIMOS, NIN O IMOS PERMITIR

    CCOO caracterízase pola reivindicación e defensa dos dereitos das persoas traballadoras, incluídas as persoas LGTBIQA+:

    - Fronte a quen nos quere impor a súa visión estreita e monolítica, en CCOO defendemos un modelo social de progreso e convivencia onde todo o mundo teña cabida. Nin un paso atrás.

    - Defendemos unha sociedade libre de discursos de odio, que son a antesala dos delitos e agresións que, nos últimos tempos, non deixan de medrar. Non á impunidade dos discursos de odio. Precisamos un Pacto de Estado contra esta lacra.

    - Precisamos medidas que cheguen ao ámbito rural, onde as persoas LGTBIQA+ padecen aínda máis discriminación e, nalgúns casos, situacións de illamento. 

    - No mundo do traballo, CCOO esixe a aplicación efectiva de todas as leis que protexen a lesbianas, gais, persoas trans, bisexuais e intersexuais, a todas as expresións de xénero e ás familias diversas. E en concreto o Real decreto 1026/2024, polo que se desenvolve o conxunto planificado de medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBIQA+ nas empresas. 

    - Esiximos contornos laborais inclusivos, seguros, libres de discriminación e que respecten os dereitos humanos. Que ninguén teña que agocharse nin vivir con medo. Que ninguén vexa coartadas as súas liberdades nin minguadas as súas oportunidades laborais e vitais. As delegadas e delegados de CCOO somos barreira contra o odio e as discriminacións, e somos axentes de igualdade. 

     

    AGORA MÁIS CA NUNCA, TOCA SEGUIR AVANZANDO

    Con protocolos contra a LGTBIQA+fobia que garantan protección e establezan procedementos claros. E coas medidas LGTBIQA+ que estamos a negociar en milleiros de convenios en todo o Estado, con cláusulas que protexen os dereitos laborais de todas as persoas do colectivo.

    TODAS as empresas con máis de 50 persoas traballadoras no seu cadro de persoal teñen a obriga de negociar, acordar e aplicar estas medidas, así como os protocolos fronte ao acoso LGTBIQA+fóbico. 

    Pola diversidade, pola igualdade, pola xustiza, polos dereitos, este 2025 berramos:

    AGORA MÁIS CA NUNCA: AO TRABALLO SEN ARMARIOS!