Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2025.

Víctor Ledo é reelixido secretario xeral de CCOO-Industria

    O Congreso da Federación de Industria de Galicia reelixiu como secretario xeral a Víctor Ledo Suárez, co apoio do 96,5 % dos votos. Ao conclave asistiron os secretarios xerais do Sindicato Nacional, Xosé M. Sánchez Aguión, e confederal, Ignacio Fernández Toxo.

    30/03/2017.
    Nova Executiva de CCOO-Industria

    Nova Executiva de CCOO-Industria

    Toxo aproveitou a súa intervención neste Congreso para combater a «propaganda gobernamental». Na súa opinión, o mundo do traballo continúa «sumido» na espiral de contratos lixo, baixos salarios e xornadas maratonianas «pagadas en negro ou, en moitos casos, non pagadas en absoluto».

    As dúas reformas laborais promovidas por PSOE e PP (2010 e 2012) lograron, «por desgraza, os seus obxectivos: precariedade e individualización das relacións laborais». Por se iso non fose emerxencia social suficiente, «tamén está a afectar gravemente á caixa da Seguridade Social, con consecuencias que paga toda a sociedade no seu conxunto», denunciou.

    Por esta razón, Toxo situou como «obxectivo prioritario» do sindicalismo destes novos tempos derrogar estas normas ou, cando menos, traballar intensamente para paliar ao máximo os seus efectos. 

    Máis presenza nas empresas

    O secretario xeral reelecto, Víctor Ledo, dirixiuse ás delegadas e delegados prometendo máis traballo e máis presenza activa nas empresas para esta nova etapa, «cos ollos postos no obxectivo de combatir a precariedade salarial e social que levamos padecendo anos».

    Nesta nova xeira, acompañarán a Ledo como membros da nova Comisión Executiva as compañeiras e compañeiros José Francisco Vilar Paz, Mercedes Carrera González, María Leila Piñeiro Otero, M.ª Inmaculada Santamarta Rodríguez, Francisco Méndez Gómez, José Hurtado Amador, Pedro Comesaña Nandín e Cristóbal Manuel Álvarez Quirós.