Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Maio 2025.

CCOO celebra os días 18 e 19 o seu 11.º Congreso Nacional galego

  • O sindicato acometerá unha profunda renovación das súas estruturas nun conclave en que están chamados a particiar 250 delegados e delegadas de toda Galicia

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) celebrará o seu 11.º Congreso os días 18 e 19 de maio, en Santiago de Compostela, baixo o lema «compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos». Neste conclave, no que participarán 250 delegados e delegadas, producirase unha «profunda renovación» tanto das persoas que conformarán os órganos de dirección como do traballo sindical. Nas redes sociais seguirase coa etiqueta #11CCOOgal.

16/05/2017.
CCOO celebra os días 18 e 19 o seu 11.º Congreso Nacional

CCOO celebra os días 18 e 19 o seu 11.º Congreso Nacional

Renovación da dirección

A este Congreso chegarase cunha lista de consenso para a nova Comisión Executiva Nacional, que estará encabezada por Ramón Sarmiento Solla, de 43 anos, único aspirante para relevar a Xosé Manuel Sánchez Aguión, de 61. En palabras do secretario xeral saínte, Sarmiento representa «unha nova xeración». Ao seu ver, o proceso de «repensar o sindicato» que se iniciou meses atrás debe ser culminado «por persoas novas, en todos os sentidos, tanto de idade como de traxectoria sindical».

Pola súa parte, o candidato a secretario xeral contará no seu equipo con tres integrantes da actual Comisión Executiva Nacional, aos que sumará cinco persoas máis que «proceden directamente das súas empresas, das súas seccións sindicais, que é onde ten lugar o conflito entre o capital e o traballo».

250 delegados e delegadas

Están convocados a este congreso 250 delegadas e delegados. As delegacións con maior peso son as da Federación de Industria (35), Unión Comarcal de Vigo (27), Federación de Servizos á Cidadanía (26), Unión Comarcal da Coruña (22), Unión Comarcal de Ferrol (19) e Federación de Servizos (18); entre todas, suman case o 60 % do total. Por xénero, aproximadamente o 60 % son homes e o 40 % mulleres.

O seu cometido é debater e votar as emendas aos documentos presentados ao conclave (resolucións, relatorios nacionais e confederais, estatutos nacionais e confederais), así como elixir as persoas integrantes da delegación galega para o Congreso Confederal de xuño e a nova composición dos órganos do sindicato (Consello Nacional, Comisión de Garantías, Comisión Executiva Nacional e Secretaría Xeral).

Un conclave importante para a clase traballadora

Sánchez Aguión salienta a importancia deste Congreso para a clase traballadora galega, xa que CCOO conta con máis de 45 000 persoas afiliadas e reúne o 28 % do total de delegadas e delegados sindicais elixidos en Galicia.