Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Ramón Sarmiento: «A loita de Ascon hai corenta anos é como a loita de Alcoa hoxe, que precisa do apoio de todo o sindicato»

  • O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia celebrou hoxe os 40 anos do seu primeiro Congreso

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) celebrou este xoves, en Santiago de Compostela, o corenta aniversario do I Congreso Nacional. Interviñeron o secretario xeral, Ramón Sarmiento, o secretario xeral confederal, Unai Sordo Calvo, e o seu antecesor, Ignacio Fernández Toxo. Ademais, Tensi Álvarez e Antonio San Gabriel, delegada e delegado naquel I Congreso, leron as resolucións aprobadas entón en defensa do papel das mulleres no sindicato e a prol dos postos de traballo no estaleiro Ascon.

22/11/2018.
Delegadas e delegados do I Congreso Nacional de CCOO de Galicia, no acto de hoxe

Delegadas e delegados do I Congreso Nacional de CCOO de Galicia, no acto de hoxe

O acto comezou cun saúdo de Yolanda Martínez en nome da Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia, precedido pola lectura da comunicación oficial que a dirección do sindicato cursara en 1978 ás autoridades gobernativas solicitando a preceptiva autorización para a celebración do I Congreso.

A seguir, Ignacio Fernández Toxo, delegado no I Congreso e secretario xeral confederal entre os anos 2008 e 2017, fixo un breve percorrido pola historia do movemento obreiro en xeral e das CCOO en particular. «Hoxe celebramos os corenta anos do I Congreso Nacional de Galicia, pero a historia das Comisións Obreiras remóntase a, non sei se hai corenta anos, pero polo menos si a tres décadas antes», enfatizou o sindicalista.

O ditador Franco morreu na cama, pero a ditadura morreu na rúa «grazas á clase obreira deste país», salientou Toxo, quen lembrou as mobilizacións que convulsionaron os últimos anos do franquismo.

Tras ler a resolución en apoio a Ascon, Antonio San Gabriel enfatizou a forza do movemento obreiro, «que paraba Vigo se consideraba que era necesario facelo», e ligou a loita no desaparecido estaleiro con outros conflitos laborais. Tensi Álvarez tamén reflexionou sobre o contido da resolución sobre as mulleres e, «malia que queda moito por facer, temos que estar orgullosas do que fixemos», e sentenciou que «non se pode entender a sociedade hoxe ou o movemento feminista actual sen as achegas das mulleres sindicalistas».

Após as intervencións de San Gabriel e Álvarez proxectouse un vídeo en que varios compañeiros e compañeiras repasaban as súas orixes no mundo laboral e aqueles primeiros conflitos que os levaron a iniciar unha vida de compromiso sindical. Desde a compañeira que non cotizou no seu primeiro emprego «porque teu pai xa cotiza e estás cuberta por el», ata o compañeiro que canda outros operarios fixeron unha hora de folga na súa empresa «e ao remate estabamos despedidos os vinte e dous participantes».

O secretario xeral confederal, Unai Sordo, interveu despois da emotiva proxección. Ligando coa intervención anterior de Ignacio Fernández Toxo, o dirixente sindical puxo en valor o papel do sindicato fronte aos movementos totalitarios, sexa o franquismo hai corenta ou cincuenta anos, sexan hoxe «os movementos da extrema dereita» que emerxen en España e Europa.

Sordo salientou tamén o intenso traballo do sindicato durante os anos máis duros da crise. «Conseguimos que millóns de traballadores e traballadoras non perderan o seu convenio, como pretendía a reforma laboral do PP», afirmou. Pero, lonxe da compracencia, instou a «recuperarmos os dereitos arrebatados durante a crise. Habémolo facer reforzando a nosa presenza nas empresas», proclamou.

Na clausura, Ramón Sarmiento agradeceu «os valores e o exemplo» das compañeiras e compañeiros que estableceron as bases de Comisións Obreiras. Fixo, ademais, un paralelismo entre a loita de Ascon e a que se dá hoxe noutros sectores. «A loita de Ascon hai corenta anos é como a loita de Alcoa hoxe, que precisa do apoio de todo o sindicato», afirmou o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.

Por último, na liña iniciada polo seu homólogo confederal, Sarmiento instou a «loitar empresa a empresa, convenio a convenio», pola mellora das condicións de vida e de traballo das galegas e dos galegos.

Breve historia das CCOO

Coa chegada dos fascistas ao poder tras o alzamento militar de 1936, os sindicatos son prohibidos e disoltos e os seus militantes, encarcerados, fusilados e perseguidos. Despois crearíase o sindicato vertical, de afiliación obrigatoria, dirixido pola patronal e os xerarcas do réxime.

Nos anos cincuenta nacen as primeiras Comisións Obreiras, impulsadas pola resistencia antifranquista, fundamentalmente o Partido Comunista. No inicio teñen carácter espontáneo, pois xorden e morren con cada conflito. Na década seguinte, o movemento espontáneo converterase en movemento organizado (1964). A súa crecente importancia intensificará sobre elas a vixilancia e a represión. Declaradas subversivas e ilícitas polo Tribunal Supremo (1967), o Tribunal de Orde Pública dedicará case quince anos (1963-1977) a castigar a súa militancia.

Destaca a detención e condena a longos anos de prisión da Coordinadora Nacional de CCOO ?o chamado Proceso 1001? que, aínda que dificulta as mobilizacións, non impide que a partir de 1973 os conflitos colectivos, os paros e as folgas se sucedan en numerosas empresas e sectores de todo o Estado, e que CCOO se consolide e fortaleza como organización.

Legalización e I Congreso Nacional de Galicia

A morte de Franco (20 de novembro de 1975) non significou a legalización automática dos sindicatos, pois houbo que agardar ao 27 de abril de 1977. Os días 2, 3 e 4 de xuño do ano seguinte tería lugar en Vigo o I Congreso Nacional de CCOO de Galicia, que elixiu a Manuel Amor Deus (falecido en 2007) como primeiro secretario xeral.

Aprobáronse resolucións en apoio aos traballadores do desaparecido estaleiro Ascon, convocando manifestacións con este fin; e un relatorio sobre «a problemática da muller», ligando a liberación da muller coa liberación da clase obreira e a «loita contra todo tipo de explotación».

A primeira Comisión Executiva Nacional estivo formada polos compañeiros Xesús Redondo Abuín, Xoán Quirós, Xosé María Iglesias, Xosé Díaz Díaz, Eduardo Fernández Pérez, Waldino Varela Martínez, Xan María Castro Paz (que sería tamén secretario xeral anos despois e actual presidente da Fundación 10 de Marzo), Xosé Luís Lobato Martínez, Melchor Roel Rivas, Xoán Carballal López, Manuel Millos, Ramiro Tenreiro Pena, Ángel Salgueiro, Xosé Manuel Fernández Pérez, Xosé María Riobóo Millán, Manoli García Ruiz, Manuel Villares Creo, Ramiro Romero, Xaime Pereira Silva, Begoña Domínguez, Xesús Díaz Díaz (tamén sería secretario xeral), Félix Royo Vicente, Enrique Veira Pino, Aurelio Ledo Estévez, Emilio Rodríguez Calvo, Isabel González, José Sabel, Guillermo Gómez, Margarita Rodríguez, Antonio Fernández, Alexandre Latorre e o xa mencionado Manuel Amor Deus.