Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO presenta as dez propostas que levará ao diálogo social, proceso que correrá en paralelo ás mobilizacións en varios sectores

  • O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, avanzou que o sindicato non asinará «nada que non teña un acompañamento orzamentario», e advertiu que «o non-acordo non será pacífico»

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia presentou este xoves as "10 propostas para un xiro social en Galicia", que o sindicato levará ao diálogo social aberto coa UGT, a Xunta e a patronal galega. Na súa intervención perante os medios de comunicación, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, explicou que o diálogo se desenvolverá en paralelo ás mobilizacións en varios sectores que precisan solucións «axiña». Así mesmo, avanzou que CCOO non asinará «nada que non teña un acompañamento orzamentario», e advertiu que «o non-acordo non será pacífico».

23/05/2019.
De esq. a der., Mamen Sabio, Ramón Sarmiento, Yolanda Martínez e Xesús Castro

De esq. a der., Mamen Sabio, Ramón Sarmiento, Yolanda Martínez e Xesús Castro

O secretario xeral de CCOO informou de que hai cinco mesas constituídas, das cales catro xa celebraron a primeira reunión, que serviu como «toma de contacto». Na segunda xuntanza, apuntou, será cando comece a fase propositiva do proceso.

Acompañado da secretaria de Muller e Igualdade, Mamen Sabio, a secretaria de Finanzas, Yolanda Martínez, e o secretario de Formación Sindical, Xesús Castro, Sarmiento describiu o actual contexto social e económico, e debullou cada unha das dez propostas que CCOO trasladará aos seus interlocutores no diálogo social.

Esas dez propostas de CCOO estrutúranse ao redor de tres eixes. O primeiro, para crear máis postos de traballo, inclúe como medidas a reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia e das políticas activas de emprego; un modelo enerxético inclusivo que xere capacidades industriais propias e emprego local; un plan de renovación da frota pesqueira galega; e unha redefinición da formación para o emprego e o mapa de titulacións que facilite a inserción laboral da mocidade.

O segundo eixe, para mellorar a calidade do emprego, prevé a creación dun plan contra a precariedade laboral; a introdución de cláusulas sociais na contratación pública, imprescindible cando a Administración é empregadora; e a modernización das relacións laborais, estendendo o AGA tamén aos conflitos individuais.

O terceiro eixe, centrado na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, inclúe a extensión dos plans de igualdade na negociación colectiva e a creación dun rexistro autonómico onde podelos consultar; a execución de políticas formativas e de sensibilización en materia de igualdade e non discriminación por razón de sexo; e medidas de apoio á corresponsabilidade.

Adoptar unha posición de liderado

Actualmente, estanse a producir «unha serie de transformacións globais que esixen unha resposta en clave de país, cunha posición de liderado por parte de Galicia», sinalou Sarmiento. O secretario xeral de CCOO apuntou que hai sectores, como o industrial ou o da pesca, nos que comunidade autónoma posúe coñecemento e saber facer, polo que «cómpre aproveitar a oportunidade».

Neste sentido, CCOO quere que o diálogo social sexa «transparente» e que a oposición tamén poida facer as súas achegas, xa que as propostas que xurdan do proceso deben «dar resposta ás necesidades da sociedade galega».

Por último, Sarmiento apuntou que a maior parte das propostas de CCOO aproveitan o marco competencial de que dispón a Xunta de Galicia, pero que hai aspectos que só se poderán conseguir co cambio de parte da lexislación estatal, comezando pola derrogación da reforma laboral.