Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

Asinada a modificación do AGA, que estende a súa eficacia aos conflitos individuais

  • O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, cualifica este mecanismo de «imprescindible ferramenta» para avanzar na modernización e mellora das relacións laborais en Galicia

O xoves, 28 de novembro, produciuse o asinamento da modificación do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais e solución de conflitos de traballo (AGA), cuxa primeira versión data de hai case trinta anos (1992). Pactado ao abeiro do artigo 83.3 do Estatuto dos traballadores, o AGA foi un dos primeiros acordos asinados no Estado nesta materia, e supoñía unha aposta pola autonomía colectiva como camiño axeitado para construír un sistema de relacións laborais adaptado ás peculiaridades e intereses propios da realidade socioeconómica e laboral galega.

29/11/2019.
O AGAL é unha «imprescindible ferramenta» para avanzar na modernización das relacións laborais

O AGAL é unha «imprescindible ferramenta» para avanzar na modernización das relacións laborais

Case trinta anos despois, os sindicatos e a patronal pactan unha reforma do AGA que estende a súa aplicación tamén aos conflitos individuais. Deste xeito, son susceptibles de someterse ao AGA conflitos como os relativos á discriminación por calquera razón, o acoso no ámbito laboral, os que prexudiquen a conciliación, os referidos ás vacacións, os derivados da decisión empresarial de adoptar medidas de mobilidade xeográfica ou modificación non colectiva das condicións de traballo, as sancións á persoa traballadora (agás o despedimento) e, en xeral, aqueloutros conflitos individuais en que non é obrigado acudir á conciliación previa no SMAC.

«Modernizamos o AGA, unha ferramenta imprescindible»

Para o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, a renovación e ampliación do AGA «culmina anos de traballo conxunto e a arela colectiva de estender as bondades da mediación aos conflitos laborais individuais».

Segundo o dirixente sindical, o AGA é hoxe «a imprescindible ferramenta para avanzar na modernización e mellora das relacións laborais en Galicia». A mediación voluntaria é unha «expresión de respecto mutuo», pero tamén «a vontade, tan necesaria nestes tempos, de innovar no ámbito das relacións laborais» para axudar a resolver un conflito.

Por último, Sarmiento apunta que «é tempo» de asumir o reto de ampliar a cobertura dos acordos intersectoriais a outros temas de intervención, nomeadamente a interacción das novas tecnoloxías co mundo laboral e a súa afectación en ámbitos como a formación, o dereito á intimidade, a desconexión dixital ou a dotación de seguridade convencional e xurídica ao traballo en plataformas dixitais. «Estas transformacións globais impactan na economía, na organización produtiva e nas condicións de traballo, e demandan unha reacción normativa», conclúe o secretario xeral de CCOO.