Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

23 de setembro: Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Persoas

    O 23 de setembro é o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Persoas, instaurado no ano 1999 na Conferencia Mundial da Coalición contra o tráfico de persoas en coordinación coa Conferencia de Mulleres que tivo lugar en Bangladesh ese mesmo ano.

    21/09/2020.
    23 de setembro: Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Persoas | Foto: Pixabay

    23 de setembro: Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Persoas | Foto: Pixabay

    O tráfico de persoas é un atentado contra os dereitos humanos e inclúe diversas formas de explotación, das cales a explotación sexual é a máis numerosa, cun forte impacto de xénero pois as vítimas son, principalmente, mulleres e nenas.

    O tráfico con fins de explotación sexual é unha forma de violencia contra a muller porque lles afecta de maneira desproporcionada como consecuencia da súa maior vulnerabilidade por diversos factores: o sistema de organización social que perpetúa as desigualdades por xénero e permite a desvalorización de mulleres e nenas; a feminización da pobreza; a desigualdade na educación e no ámbito laboral, e a explotación do desexo de emigrar para mellorar tanto as súas condicións de vida como as do seu contorno.

    Contra isto, o 23 de setembro é un día para reivindicar a necesidade de poñer freo a esa escravitude que leva a situacións de violencia de abuso sexual. É necesario visibilizar a situación dramática das vítimas do tráfico de persoas e explotación sexual e sensibilizar a sociedade. Actuar contra o tráfico con fins de explotación sexual esixe un enfoque de xénero porque son mulleres e nenas a inmensa maioría de vítimas.

    España é considerado actualmente un país tanto de tránsito como de destino de vítimas de tráfico, claramente ligado á prostitución. Máis do 90 % dos procesos penais relacionados co tráfico de persoas están vinculados á prostitución, un 32 % máis que a media mundial, segundo datos oficiais.

    En definitiva, é un día para lembrar que son necesarios todos os esforzos e recursos posibles para loitar contra a explotación de millóns de persoas, unha vertente extrema da violencia de xénero que se constitúe como a escravitude do século XXI.