Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO lamenta o falecemento de Ángel Porto, ex-traballador de Bazán

  • O sindicato e a súa Fundación galardoárano en 2012 cun dos Premios 10 de Marzo

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento do ferrolán Ángel Porto Feal, ex-traballador dos estaleiros Bazán e militante das Comisións Obreiras desde a súa mocidade.

28/10/2020.
CCOO lamenta o falecemento de Ángel Porto

CCOO lamenta o falecemento de Ángel Porto

Nado en Serantes, traballou nos estaleiros de Bazán, como fixeran seu pai e seus irmáns. Aos catorce anos de idade entrou na famosa escola de aprendices de Bazán.

As súas inquedanzas sociais e a falla de liberdades democráticas conformaron a súa personalidade. A iso hai que sumarlle un ambiente laboral contestatario e reivindicativo en Bazán, con personalidades como Paco Filgueiras e Xulio Aneiros, que eran todo un referente de claridade, honestidade e compromiso e que fascinaron a Ángel Porto. Por iso é doado entender que aos 23 anos comezara a militar no Partido Comunista e nas Comisións Obreiras, onde compartiu inquedanzas e actividades clandestinas con amigos moi íntimos como Manolo Amor, quen o alentou a dar o paso á militancia, e tamén Xosé María Riobó. 

A partir dese momento, comezou a participar en reunións clandestinas en distintos talleres e no arsenal, tamén nos montes de Ferrol e nalgunhas igrexas ?cuxos párrocos colaboraban co movemento obreiro?. Apoiou paros e folgas, mais tamén organizou recolectas para soster as familias durante as folgas doutras empresas.

O traballo de Porto contribuíu a configurar toda unha estrutura clandestina na factoría Bazán ?que naqueles anos tiña nove mil traballadores directos e indirectos?, apoiando paros e folgas, organizando recolectas para soster as familias durante as folgas da Pysbe, Fenya e Peninsular Maderera, pois unha característica do sindicalismo clandestino das Comisións Obreiras foi a solidariedade obreira e a loita de clases máis alá dos muros da fábrica.

Após os sucesos do 10 de Marzo do 72, foi encarcerado e torturado na prisión militar de Caranza. Aquí iniciou un periplo carcerario que o ía levar por boa parte da xeografía española: a prisión militar de Caranza en Ferrol, a prisión da Coruña, Carabanchel en Madrid, a prisión de Xaén e a de Pontevedra? Acumulou un total de catro anos de cárcere e multas de 300.000 e 150.000 pesetas, así como catro expedientes de despedimento.

Pola súa traxectoria de loita e compromiso, o Sindicato Nacional de CCOO e a súa Fundación galardoárono en 2012 cun dos Premios 10 de Marzo concedidos nesa edición.