Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

CCOO pide unha estratexia de desenvolvemento que non se limite a atender os sectores máis afectados pola covid-19

    Os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do cuarto trimestre do 2020, coñecidos hoxe, reflicten o impacto da crise derivada da covid-19 no mercado laboral, pero tamén as eivas dos sectores produtivos galegos. Para CCOO, a primeira tarefa da Xunta debe ser atender a crise sanitaria e as persoas máis prexudicadas, tanto nos aspectos sociais como laborais. Porén, o sindicato esixe abordar unha estratexia de desenvolvemento para Galicia que non se limite a atender os sectores paralizados ou máis afectados pola pandemia, porque hai problemas «endémicos», especialmente no ámbito industrial.

    28/01/2021.
    A hostalaría é a rama que máis emprego perdeu en 2020

    A hostalaría é a rama que máis emprego perdeu en 2020

    O ano 2020 rematou cun volume de emprego inferior ao que había antes da anterior crise económica —en 2008—, con 15.000 persoas menos traballando e cunha «anómala» situación que só se dá en Galicia: 3200 parados e paradas menos, resultado dunha caída da poboación activa de 18.200 persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 44 anos. Trátase dun «éxodo» de persoas en idade de traballar que abandonan o mercado laboral galego ante a falta de expectativas de emprego.

    Aínda que o paro se reduce, o peso do desemprego de longa duración é cada vez maior. Como consecuencia, hai 1200 fogares máis que hai un ano nos que non entra ingreso ningún, 31.300 en total. Neste sentido, a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, lembra que dentro dos datos de ocupación están incluídos os traballadores e traballadoras en ERTE —máis de 32.000 en Galicia—. Isto dá boa mostra de que se converteron nunha ferramenta «importantísima» para o mantemento do emprego, froito do proceso de diálogo social estatal, recentemente renovado. «Sen os ERTE, os datos analizados hoxe serían moito máis negativos».

    Análise da EPA

    Os datos da enquisa de poboación activa reflicten que o número de persoas ocupadas baixou en 15.100 no cuarto trimestre de 2020 respecto ao mesmo período do ano anterior; un descenso do 1,40 %, fronte ao 3,12 % da media estatal.

    A perda de emprego prexudica máis as mulleres ca os homes: 9400 ocupadas menos fronte a 5700 ocupados menos. Na agricultura hai 4000 persoas ocupadas máis que hai un ano e 1000 na construción; pola contra, destrúese emprego na industria e nos servizos: 9100 e 10900 empregos menos, respectivamente. As ramas de actividade que perden máis emprego son: hostalaría (-10.900), actividades recreativas (-4600), téxtil (-4500) e alimentación (-3300).

    Canto ao emprego por conta allea, no cuarto trimestre de 2020 había 11.600 persoas asalariadas menos ca en 2019. A destrución de emprego concéntrase no sector privado con 25.300 persoas asalariadas menos e medra en 13.800 no sector público —un 60 % destes empregos son na Administración autonómica—. Polo tipo de contrato, hai 17.500 empregos temporais menos e 5900 indefinidos máis. Polo tipo de xornada, a perda de poboación asalariada concentrouse na xornada completa, con 11.300 persoas ocupadas menos, aínda que a xornada parcial tamén cae en 300.

    O número de persoas con emprego en Galicia, ao remate de 2020, era de 1.080.900. A cifra, como se indicou, supón 109.500 persoas menos ca no mesmo trimestre de 2008, antes da última crise. A taxa de ocupación tamén é inferior: un 46,2 % no cuarto trimestre de 2020 e un 49,7 % no mesmo período do 2008.

    Análise interanual

    O paro redúcese na comparativa anual, con 3200 persoas paradas menos, mentres que a taxa de paro se mantén no 11,7 % dun ano antes. Con todo, no cuarto trimestre de 2020 había 142.600 parados e paradas en Galicia (65.400 homes e 77300 mulleres); deses, 50.100 (o 35,1 %) de longa duración. O 5 % da poboación parada de longa duración ten 45 ou máis anos. Por último, CCOO destaca que en 51.000 fogares, todos os seus membros activos están en desemprego, situación que se intensifica nos 31.300 en que non entra ningún tipo de ingreso.